DICO Mindset dinamizará o sector galego dos contidos dixitais

mércores, 2 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A axencia AMTEGA e os Clústers TIC e do Audiovisual de Galicia celebraron hoxe a xornada de presentación do Plan DICO Mindset de impulso aos contidos dixitais. E fixérono perante arredor dun centenar de representantes dos nosos sectores tecnolóxico-dixital e audiovisual e (tamén) dos moitos e variados eidos de actividade onde conclúen as TIC e os contidos. Segundo se fixo saber, a finalidade do Plan é impulsar a innovación no ámbito dos contidos e “desenvolver proxectos tractores para configurar un sector de contidos dixitais galego máis potente, maduro e competitivo”. Dito doutro xeito: trátase de xuntar forzas entre un sector e outro para que a suma das dúas partes sexa moito máis que unha simple suma. O Plan ten a súa baza no espírito innovador que caracteriza os dous sectores e nos moitos espazos de interacción que comparten. Tamén salientan en potencial humano: aglutinan en Galicia en torno a 900 empresas con preto de 5.400 empregados.
Na xornada debulláronse as liñas estratéxicas do Plan así como os proxectos tractores que ten activos o Goberno galego este ámbito e que poden ser de interese de cara a novas liñas de negocio para empresas tecnolóxicas e audiovisuais.
En primeiro lugar mostráronse as liñas estratéxicas do Proxecto GEOARPAD para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia e o Norte de Portugal. Segundo fixo saber Marina García, subdirectora xeral de Arquivos, a iniciativa insírese na Memoria Dixital de Galicia e ten a finalidade de universalizar o acceso do patrimonio material e inmaterial galego a través da Rede.
Asemade, Carlos Vázquez, director da Área de Solucións Sectoriais de AMTEGA, foi o encargado de presentar o proxecto DIxit, unha iniciativa do ámbito docente que consiste nun novo acubillo de contidos educativos baseados en tecnoloxías innovadoras. DIxit, sinalou Vázquez, forma parte de Abalar, o proxecto de transformación dixital da educación que a Xunta vén evolucionando desde 2010.

Colaboración coa CRTVG

José Pereira, director de Innovación da CRTVG

Outra das liñas de actividade presentadas este 2 de maio ten relación directa coa CRTVG, cuxo vindeiro roteiro innovador foi dado a coñecer por José Pereira, director de Innovación da corporación galega. Segundo fixo saber, no obxectivo da compañía (a curto, medio e longo prazo) atópanse as crianzas de entre seis e catorce anos, unha franxa de idade que arestora ocupa a maior parte do seu tempo de lecer en visualizar vídeos en YouTube, moitos deles de natureza formativa mais, porén, desprovistos de medidas que garantan o seu rigor educativo e científico. “Nós na TVG”, sinalou, “temos claro que non nos abonda coa TDT, e temos que centrar esforzos nos móbiles, nas plataformas e en servizos en liña como YouTube”.
Segundo explicou, na corporación fixéronse estudos para saber en que empregan o seu tempo libre as rapazas e rapaces que chegan do colexio polas tardes e que, logo do tempo de estudo, consumen contidos audiovisuais. “Este tempo, xeralmente a partir das 19.00 horas, está copado polo YouTube e é aí onde ten que actuar a CRTVG, achegando contidos de calidade e rigorosos ás novas xeracións, e que á vez sexan entretidos e capaces de facer comunidade e audiencia”. Neste senso, salientou as importantes vías de colaboración que se abriron coa axencia AMTEGA para acadar os ditos obxectivos tecnolóxico-educativos e audiovisuais.

Orzamento do Plan

A execución do Plan obedece a unha filosofía de coordinación e colaboración entre distintas entidades do ámbito público (AMTEGA, IGAPE, CRTVG, AGADIC, etc.), que se estende tamén aos actores do ámbito privado (Clúster TIC, Clúster Audiovisual, empresas tractoras, etc.). En total, DICO Mindset conta cun investimento de máis de 13 millóns de euros, dos que máis de 1,6 millóns de euros se corresponden con capital privado, no período 2018-2020.

PUBLICIDADE