Darty pechará as súas tendas españolas en xuño

xoves, 4 de abril do 2013 Marcus Fernández

Esta mañá o presidente da cadea de tendas de electrónica de consumo Darty publicou un comunicado no que manifesta que ante as dificultades atopadas para acadar unha boa cota de mercado en España, que só podería mellorarse a través dunha “longa e potencialmente custosa viaxe sen garantías de éxito”, “o Consello concluíu que o peche proporciona o resultado máis seguro”. A compañía vén de finalizar as súas actividades en Italia, e co cesamento en España buscarían restituír o valor da empresas para os accionistas, incrementando a rendibilidade do seu negocio principal.
Darty pechou o anterior ano fiscal cuns ingresos de 119,2 millóns de euros e unhas perdas operativas de 15,6 millóns de euros (estimándose uns resultados moi semellantes para o presente exercicio), polo que as perdas totais dende a adquisición do grupo (composto anteriormente polas cadeas MH e San Luís) en 2007 ata o 30 de abril de 2012 serían de 74 millóns de euros.
Darty España ten actualmente 650 empregados repartidos en 43 tendas, das que 10 están en Galicia: 3 na Coruña, 1 en Ferrol, 2 en Santiago de Compostela, 1 en Ourense, 1 en Pontevedra e 2 en Vigo. Estes establecementos cesarán a súa actividade no mes de xuño.
Esta operación pode lembrarnos ao que aconteceu hai un par de anos coa cadea PC City, que tamén pechou as súas tendas en España, dando a impresión de que o mercado da electrónica de consumo está nunha situación crítica na que a conxuntura económica desfavorable e a alta competitividade do sector dificultan seriamente a supervivencia dos establecementos físicos.