Declaran ilegais todos os hoverboards en EE.UU.
venres, 19 de febreiro do 2016
Cando hai cousa dun mes a Comisión de Seguridade de Produtos
de Consumo dos EE.UU. (CPSC) publicou un comunicado asegurando que estaban
a investigar a problemática que xurdiu por mor da falta de seguridade dos hoverboards ou patíns eléctricos,
para os que resulta que non existiría ningún modelo certificado no mercado, a
cousa parecía que ía quedar nun simple chamado á prudencia, pero agora a
CPSC publica un comunicado dirixido a fabricantes, importadores e vendedores
deste tipo de dispositivos nos que os insta a que os seus produtos sexan
sometidos polo pertinente proceso de certificación (voluntario), xa que o non
gozar desas garantías indicaría un risco de incendio para os consumidores que
quedou acreditado en 52 casos dende o pasado mes de decembro, provocando máis
de 2 millóns de dólares en danos contra a propiedade (incluíndo a destrución de
2 casas e 1 automóbil).
Consideran que estamos ante un risco que pode evitarse de cumprir uns mínimos
estándares de seguridade e anuncian que a partires de agora poderán reter a
importación dos hoverboards que
conten coas certificacións de seguridade necesarias, e de atopar os produtos xa
no mercado tamén poderían pedir a súa devolución. Estamos así ante o que
podería considerarse como a ilegalización nos EE.UU. de toda unha categoría de
produto (mentres os numerosos modelos de patín eléctrico non superen os
procesos de certificación) e a comercialización de dispositivos sobre os que
haxa dúbidas razoables sobre a súa seguridade pode ter responsabilidade civil e
penal, de aí que sexa un tema que os vendedores e importadores non deberían
tomar á lixeira.
Esta situación tamén afectaría aos consumidores, que de teren adquirido un hoverboard nos últimos meses sería
convinte que os devolvesen, ante o risco que poden supor este tipo de produtos
principalmente fabricados en China, onde non se aplica ningunha das
certificacións de seguridade norteamericanas sobre estes dispositivos.
Espérase que nos vindeiros meses comecen a chegar hoverboards máis seguros ao mercado, pero mentres iso non aconteza
non podemos evitar advertir non só do risco de subir a un vehículo que non está
correctamente adaptado á diversidade de persoas que poidan subirse ao mesmo,
senón tamén de que estamos ante baterías xigantes que corren un alto perigo de
quecemento, podendo incluso chegar a derreterse ou esbourar en lapas.