Deporte e TIC xuntan forzas en Santiago para levar os nosos clubs ao máis alto

xoves, 21 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Máis de 200 persoas asistiron hoxe en Santiago, no hotel Palacio do Carme, á xornada Tecnoloxía e Deporte promovida pola Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia e organizada polas empresas da nosa terra R e Cinfo, co obxectivo de afondar na capacidade de transformación das novas ferramentas dixitais para todo tipo de vertentes deportivas: tanto para quen o practica, como para quen o promove, como para quen o desfruta dende as bancadas ou os fogares. A xuntanza, segundo lembrou a organización “a primeira destas características que se celebra en Galicia”, serviu entre outras cousas para emitir con altofalante as potencialidades da tecnoloxía Tiivii, un sistema intelixente desenvolvido por Cinfo e distribuído por R que ten a capacidade de extraer o máximo o desfrute de calquera encontro, impulsar a actividade das federacións e clubs, dixitalizar o deporte e facer que toda audiencia, por miúda e delimitada que sexa, teña o que demanda.
Respecto do programa, as accións deron comezo ás 9.30 horas, coa benvida aos participantes a cargo de Alfredo Ramos, director xeral de R. A continuación foi a quenda de Iván Clavel, xerente da Fundación Deporte Galego, Antonio Rodríguez del Corral, director executivo (CEO) de Cinfo, Gabriel Barros, responsábel de Marketing do Real Club Deportivo da Coruña, e Alberto Díaz, responsábel de Transformación Dixital de R.
Boa parte das temáticas tratadas, no que a Cinfo e R se refiren, xiraron arredor de Tiivii e as súas posibilidades para o espectáculo deportivo. Segundo se lembrou, consiste nunha tecnoloxía de televisión intelixente que é quen de seguir os xogadores ou competidores e crear o directo de maneira automática, botando man de tecnoloxías de Intelixencia Artificial. Cinfo e R, continuando este fío, salientaron as posibilidades que se abren coa dixitalización dos clubs que propón Tiivii, poñendo en xogo novos servizos, maiores ingresos (publicidade, merchandising, etc) e máis óptimas e enriquecedoras experiencias para as comunidades de afeccionados. As dúas empresas coincidiron en salientar a importancia de contribuír a que os clubs de dixitalicen, no camiño de acadar a máxima visibilidade e o recoñecemento que merecen.
Este camiño transformador tamén obtivo destaque da man da CRTVG, que estivo presente no encontro a través de José Pereira Fariña, director de Innovación e Negocio da compañía galega, quen recordou que para os medios como o que el representa, “é relativamente doado moverse entre grandes audiencias para determinados acontecementos concretos”, porén, o que xa non é tan fácil, recoñeceu, “é moverse na información personalizada”, a diferenza das novas canles, servizos e plataformas que operan no eido dixital. “Non somos capaces de atender e cubrir eventos e temáticas que interesan a audiencias pequenas, entre outras cousas porque o despregue de recursos non obtén compensación”, dixo, ao tempo que recoñeceu o potencial da tecnoloxía presentada no encontro celebrado en Santiago para emendar esta eiva, xa que democratiza e fai accesíbel a cobertura innovadora. “Colaboracións como a que materializan Cinfo e R teñen moito que dicir no devandito”, explicou, engadindo que van conseguir dar a todas as audiencias, por específicas que sexan, o que requiren.
Relatorios de apertura
Abriu o evento ás 9.30 horas Alfredo Ramos, director xeral de R, quen puxo o foco na importancia da xornada como “cita para crear novos vieiros de colaboración e de progreso, para modernizar a contorna deportiva e tirarlle todo o proveito á manchea de potencialidades dos recursos tecnolóxicos de que dispoñemos a día de hoxe”.
De seguido, Iván Clavel, xerente da Fundación Deporte Galego, incidiu na importancia das prestacións da tecnoloxía no deporte “para o aquí e agora que demanda o consumidor” e porque, en si mesma, “a xestión do deporte necesita desa tecnoloxía que lle permita a xestión eficiente e actual dos seus recursos”.
Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, director executivo de CINFO, dixo que a produción automática de contidos audiovisuais na nube está “democratizando as retransmisións deportivas, antes só ao alcance de grandes clubs”. Este tipo de emisións, engadiu, “son o futuro, pois poñen á man de entidades e ligas, tamén de deporte base (ou minoritarios), recursos técnicos con calidade profesional e a baixo custo, permitíndolles chegar a grandes audiencias a través da súa propia canle de TV automática, web ou redes sociais e ofrecerlles aos afeccionados eventos audiovisuais á carta como partidos, adestramentos ou roldas de prensa”.
Gabriel Barros, voceiro do R.C. Deportivo da Coruña explicou que “a aplicación da tecnoloxía será o motor do meirande chimpo económico e social do deporte nestes anos ao converterse nun elemento máis da industria do lecer e o entretemento”. Segundo dixo, “a comunicación persoal, directa, á carta, cos seareiros, cambiará as relacións con eles e a súa experiencia nos partidos e demais eventos do club”.
Pola súa parte, Gonzalo R. Palmeiro, adestrador axudante do Monbus Obradoiro, falou do caso de éxito deste equipo no uso das novas tecnoloxías aplicadas ao baloncesto profesional; e Alberto Díaz, responsábel de Transformación Dixital de R detívose nas claves para transformar dixitalmente un club deportivo. “Non facer nada xa non é unha opción”, dixo, engadindo que R está a certificarse na súa “aposta pola tecnoloxía no deporte, con servizos que van axudar os clubs a dixitalizarse”.
Logo das mesas redondas sobre (a primeira) dereitos audiovisuais do deporte non maioritario e sobre (a segunda) sobre experiencias TIC para xestionar as entidades deportivas e xerar ingresos, Leonor Gallardo, doutora en Ciencias do Deporte, falou de liderado deportivo, e subliñou que “a tecnoloxía, a investigación e a innovación son o presente nas organizacións deportivas”. Puxo o punto e final á xornada o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, quen enxalzou a revolución tecnolóxica que estamos a vivir como un instrumento para “premiar a quen fai máis méritos no campo e para reducir os erros humanos dos árbitros”.

PUBLICIDADE