Descobre Linux 2007: trece actividades para dar a coñecer software libre dende a USC

venres, 23 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A Asociación de Usuarios de Linux da Universidade de Santiago (AULUSC) ten un completo programa de actividades para afondar no uso das ferramentas informáticas do software libre: vantaxes (menor custo, liberdade para afacelas ás circunstancias do usuario, meirande independencia), empregos e posibilidades. As iniciativas (integradas na edición 2007 de Descobre Linux) inclúen unha install party na que os membros do devandito colectivo axudaranlles ós participantes a instalar Linux nos seus equipos de traballo. Tamén haberá obradoiros e demostracións encamiñadas (en palabras da propia organización) a lograr que as persoas inscritas lle perdan o medo ó Linux e coñezan as súas posibilidades de traballo como sistema operativo.
Segundo informa o colectivo, que traballa coa cooperación da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC, as xornadas son especialmente interesantes para os alumnos do primeiro curso de Enxeñería Técnica en Informática de Sistemas. Con todo, o programa de actividades ficará aberto a todos aqueles que queiran participar e que teñan interese en Linux e nas ferramentas libres.
Este é o programa de actividades
· Obradoiro de introdución a OpenOffice.org
Coñece a suite ofimática libre
Data: Xoves 01 de marzo, 12:00 horas.
· Obradoiro de introdución a GNOME
Un taller que pretende ser unha presentación ó escritorio GNOME. Amosaremos algunhas das súas características, ensinarémosche como adaptalo ás túas necesidades. En definitiva, aprenderás como extraerlle o máximo partido a este escritorio!
Data: Venres 02 de marzo, 12:00 horas.
· Install Party GNU/Linux
A perfecta oportunidade para que por fin instales unha distribución GNU/ Linux no teu equipo! A través dunha sinxela install party axudámosche a instalar UBUNTU no teu ordenador de traballo. Anímate e trae o teu portátil ou sobremesa!
Data: Luns 05 de marzo, 10:00 horas.
· Aplicacións libres
Un percorrido por diversas aplicacións libres para que coñezas as posibilidades de traballo e lecer en Linux.
Data: Martes 06 de marzo, 12:00 horas.
· Obradoiro de introdución a Bash
Unha introdución á liña de comandos de Linux, concretamente á shell bash. Aprenderás as ordes básicas da shell, como obter axuda e as súas opcións máis comúns.
Data: Xoves 08 de marzo, 12:00 horas.
· Obradoiro de introdución a Gimp
Aprende a retocar as túas fotografías con este programa de traballo por capas.
Data: Venres 09 de marzo, 12:00 horas.
· Obradoiro de Redes sen fíos
Instalación e configuración de unha rede wireless.
Data: Luns 12 de marzo, 12:00 horas.
· Obradoiro de Redes Domésticas
Inhalación e configuración de unha rede doméstica.
Data: Martes 13 de marzo, 12:00 horas.
· Obradoiro de Bash II
Realización de sinxelos scripts para a liña de comandos. Poderás comprobar a axilidade e facilidades de Bash.
Data: Xoves 22 de marzo, 12:00 horas.
· Obradoiro de introdución a Inkscape
Aprende a crear imaxes vectoriais, que non dependen do tamaño o que as uses.
Data: Venres 23 de marzo, 12:00 horas.
· Obradoiro de Gimp II
Afonda no retoque fotográfico.
Data: Luns 26 de marzo, 12:00 horas.
· Codificación multimedia
Mostrarase como realizar codificación e conversión de formatos de audio de vídeo, así como a gravación sobre CD e DVD en distintos formatos.
Data: Martes 27 de marzo, 12:00 horas.
· Conferencia "blogging"
Rematamos estas xornadas coa conferencia duns blogueiros coñecidos.
Data: Xoves 29 de marzo, 12:00 horas.