Destacan a nivel europeo a aposta da Xunta polos formatos abertos
luns, 21 de abril do 2014
O Observatorio de Software Libre da Comisión Europea faise
eco no seu portal da publicación por parte da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia da Guía de boas prácticas para a Liberación de
Publicacións da Xunta de Galicia o pasado 26 de marzo, coincidindo co Día
Internacional da Liberdade dos Documentos.
Tras coñecer a publicación os expertos do Observatorio de Software Libre da
Comisión Europea contactaron coa AMTEGA para afondar na orixe deste traballo e
recoñecer a posición de Galicia como unha das rexións máis destacadas no
fomento e promoción do Software Libre.
Na nova publicada no portal europeo, destacan a importancia da recomendación do
estándar aberto ODF para a documentación editable publicada pola Administración
pública. Esta obriga está recollida no Decreto 201/2011 do 13 de outubro de
2011 polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público
autonómica de Galicia na Internet, que indica que “os documentos e servizos da
Administración electrónica que se poñan a disposición da cidadanía
encontraranse, como mínimo, dispoñibles mediante estándares abertos.”
Pero máis alá desta recomendación, consideran tamén destacable que a guía
publicada inclúa ademais de recomendacións de formatos abertos, como xestionar
os dereitos de propiedade intelectual dos documentos, imaxes e ficheiros
multimedia, ou instrucións para crear adecuadamente traballos derivados.
Finalmente, resaltan tamén a recomendación do uso de aplicación libres
adecuados para cada tipo de documento e formato, concretamente LibreOffice para
documentos de texto, GIMP para o tratamento de imaxes, Evince e Okular para
visualización de PDF ou Calibre para a xestión de libros electrónicos
empregando o formato ePUB.
