Desvelan que X dificulta o acceso a medios que non son do agrado de Musk
mércores, 16 de agosto do 2023
- Os perfís de X teñen agora unha sección de Destacados
Nos últimos días
X, a plataforma antes coñecida como Twitter, incorporou algúns cambios
interesantes para os usuarios de pagamento, como o feito de que o seu perfil
amosase unha pestana nova para recoller as publicacións que o usuario queira
destacar (o que pode resultar de utilidade para persoas que visitan o perfil
por primeira vez e queira saber que publica normalmente para decidir se preme o
botón de Seguir) e manter o servizo antes coñecido como TweetDeck, que agora
chámase X Pro e pasa a ser exclusivo dos subscritores de pagamento.
Aínda que o grande problema neste caso non é que TweetDeck pase a ser de pagamento,
é que con esta transformación desaparece o TweetDeck clásico e faise forzoso o
uso da versión de TweetDeck que leva unha chea de meses en probas e que precisamente
non se facía oficial porque perdía as súas principais funcións (baseadas en
poder empregar varias contas de usuario ao mesmo tempo), converténdose nunha
ferramenta inútil.
Prácticas pouco éticas
- Hacker News é un dos foros nos que se advertía dos retrasos artificiais que X engadía ás ligazóns a páxinas web que non son do agrado de Elon Musk
En calquera caso, as novidades para os usuarios de pagamento non son capaces de
eclipsar a outra información que emerxeu nas últimas horas, e é que as ligazóns
dende X a páxinas web que non son do agrado de Elon Musk, como o xornal The New
York Times ou plataformas sociais como Threads ou Substack, experimentan
un retardo artificial duns 5 segundos, ou sexa, que o usuario percibe que
cando preme unha ligazón que leva a unha páxina discriminada o servizo fai tan
lento o proceso que pode percibirse que a ligazón non funciona, disuadindo ao
usuario.
Esta práctica anticompetitiva está claramente mal intencionada, e lembra a
outras políticas emprendidas por Musk na plataforma meses atrás para evitar a
proliferación de ligazóns a servizos da competencia, aínda que nesta ocasión os
atrancos tamén afectan a medios de comunicación que simplemente non coinciden
coa ideoloxía de Elon Musk.
Ao parecer, unha vez que se fixo público esta mala práctica por parte de X, os
retrasos artificiais comezaron a desaparecer, probablemente para evitar as consecuencias
que terían este tipo de mañas a longo prazo.