Dispárase o uso de redes sociais entre as PEME e microempresas, pero perpetúanse fendas entre sectores
mércores, 28 de maio do 2014
Industria
presentou esta semana o seu Informe ePEME 2013, última
entrega (a sexta) da súa investigación sobre o afianzamento das
novas tecnoloxías das Pequenas e Medianas Empresas do ámbito
estatal. O informe, feito pola Fundación para o Desenvolvemento
Infotecnolóxico de Empresas e Sociedade (Fundetec) e o Observatorio
Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información
(ONTSI), achega unha visión xeral do devandito (o nivel de
implantación das TIC nas empresas) que podería cualificarse de novo
compendio de datos positivos e negativos.
Así, por unha banda
temos un avance moderado da evolución do uso das TIC na
microempresa, proceso á alza que afecta aos principais indicadores,
salientando entre estes (“fortemente”) o emprego de banda larga
móbil e de redes sociais, “que experimentan avances de 13,9 e 17,5
puntos porcentuais, respectivamente”. A presenza da banda larga nas
microempresas abrangue o 56,8 por cento das mesmas. A maiores, a
utilización das comunidades 2.0 case foi quen de triplicarse nas
empresas miúdas, pasando do 9% en 2012 ao 26,5% en 2013, situándose
a menos de 3 puntos de distancia das PEME e grandes empresas.
Por outra banda, no lado
negativo, segue a haber taxas moi baixas de afianzamento dixital en
sectores como o de transporte e almacenamento e o do comercio polo
miúdo. Ademais, só dous ámbitos avaliados (informática,
telecomunicacións e servizos audiovisuais e hoteis, cámpings e
axencias de viaxe) acadan o obxectivo do 55% de microempresas con
páxina web fixado para 2015 pola Axenda Dixital Española. Entre as
principais causas destas materias pendentes, o documento continúa a
citar a crise económica, “que reduciu os investimentos en
tecnoloxía”, e a persistente falta de persoal con capacitación
tecnolóxica, que afecta especialmente á microempresa.
Segundo o estudo, o 71,7%
das firmas miúdas dispuña de computador en 2013, cun medre
interanual de apenas 4 décimas, e 5 décimas creceu a presenza do
acceso a Internet, situándose no 65,7%. Por sectores, os que acadan
maior penetración destas ferramentas son (loxicamente) os de
informática, telecomunicacións e servizos audiovisuais e o sector
de actividades profesionais, científicas e técnicas, con
porcentaxes próximas ao 100% e apenas diferenzas entre as
microempresas e as PEME e grandes empresas.
Segundo se indica, un dos
eidos produtivos onde se rexistrou un importante medre da presenza de
computadores e Internet foi o de venda e reparación de vehículos,
con incrementos do 6,7% e o 10,2%, respectivamente.
A páxina web corporativa
tamén experimenta “un leve crecemento” de 8 décimas nas
microempresas, situándose no 29,4%. Neste caso, o sector de hoteis,
cámpings e axencias de viaxe é o que rexistra maior penetración
(74,6%).