Dispoñíbel en galego a versión 4.3 de LibreOffice

venres, 1 de agosto do 2014 Redacción

LibreOffice, para quen non o saiba, é unha magnífica alternativa ás suites ofimáticas privadas, ten todo o que pode precisar o usuario medio ou avanzado e ademais é software libre (non ten barreiras para quen queira melloralo e adaptalo ás súas características, e ademais neste caso concreto achégase cen por cen de balde). Por se fose pouco, todas as súas versións están en galego, mesmo a máis recente, acabada de saír do forno: a versión 4.3. Esta nova entrega, segundo informan os responsábeis da localización “máis galega ca nunca”, é a oitava da súa relativamente breve historia, unha historia que comezou en setembro de 2010 recollendo a testemuña de OpenOffice alí onde esta suite ficou un pouco en dique seco.
Segundo informa Mancomún, foi esta mesma semana cando a Document Foundation anunciou a publicación de LibreOffice 4.3. Como dixemos, está dispoñíbel ao cen por cen na nosa lingua, cousa que vén sendo habitual grazas ao encomiábel traballo voluntario da comunidade de Proxecto Trasno, que desta volta contou coa colaboración da empresa galega Igalia no deseño dunha boa parte das optimizacións en materia de accesibilidade, compatibilidade e interoperabilidade co estándar OOXML Strict.
Segundo engaden dende o portal Mancomún, a versión 4.3 corresponde á póla LibreOffice Fresh, encamiñada sobre todo a usuarios afeitos a probar as últimas novidades, polo que non é estritamente aconsellábel para “contornas de produción ou críticas”. Entre as principais novidades cómpre salientar melloras na interoperabilidade de documentos (a dita compatibilidade con OOXML Strict ou con 30 novas fórmulas do Excel), na xestión de comentarios (poden imprimirse na marxe do documento, con formatos máis axeitados e con posibilidade de seren importados e exportados en ODF, DOC, OOXML e RTF) ou no manexo das follas de cálculo (posibilidade de levar a cabo varios tarefas simultáneas de maneira máis intuitiva “grazas ao realce automático intelixente de fórmulas nas celas ou á presentación do número das filas seleccionadas e das columnas na barra de estado). Tamén se introduciron optimizacións nos modelos 3D en Impress, incorporándose compatibilidade nos modelos 3D animados no novo formato glTF, amais dun avance de compatibilidade para ficheiros Collada e KMZ que se atopan en Google Warehouse.

PUBLICIDADE