Dous de cada tres internautas conéctanse á Rede máis de 10 veces ao día co smartphone
luns, 5 de xullo do 2021
O
28% dos internautas usa máis de cinco dispositivos tecnolóxicos con
moita frecuencia. Esta é unha das principais conclusións do
novo estudo do observatorio estatal ONTSI (Red.es), que pon o foco,
desta volta, nas tendencias no uso dispositivos na poboación
española, facendo fincapé en cuestións relativas á
transformación dixital, que mostra un claro aceleramento en
indicativos como por exemplo o incremento de trebellos que empregamos
para estarmos conectados. Neste senso, o smartphone sería un
dispositivo universal, seguido da tableta, que utilizan catro de cada
cinco usuarios de Internet e a Smart TV, cuxa experiencia de uso tivo
case tres de cada catro internautas en 2020.
En
canto aos dispositivos máis novos, destaca que o 23,9% de
internautas maiores de 15 anos utilizou altofalantes intelixentes, un
16,9% probou un vehículo conectado a Internet, o 16,1% empregou
algunha vez ou ten electrodomésticos conectados a Internet, mentres
que o 12,2% tivo algunha experiencia con lentes de Realidade Virtual.
De xeito “moi residual”, dise no estudo do ONTSI, “o 3,5% dos
internautas utilizou roupa intelixente”.
O
informe dá ao smartphone un gran protagonismo en relación a
Internet, posto que dous de cada tres internautas conéctanse á Rede
máis de 10 veces ao día utilizando este dispositivo. A frecuencia
de conexión diaria a través do móbil é máis elevada entre as
mulleres que entre os homes, igualmente tamén é máis frecuente
entre os máis novos.
Ao
falar das ferramentas e funcionalidades do smartphone, destaca con
uso moi elevado a realización de fotografías (98,9%), a utilización
de aplicacións de mensaxería instantánea (98,8%), procuras de
información (98,7%), recibir ou realizar chamadas de voz (97,0%) e
consultar mapas (94,8%). A menos habitual é a realización de pago
co móbil mediante NFC. Aínda así, un 51% dos usuarios empregouno
en polo menos unha ocasión. Ademais, a publicación de contidos en
redes sociais é máis común entre as mulleres e entre os menores de
35 anos.
Doutra
banda, o estudo tamén sinala que as descargas de aplicacións
móbiles resultan xa algo habitual entre a poboación: o 98,7% de
usuarios de smartphone e/ou tableta fíxoo polo menos nunha ocasión.