Dúas ducias de voluntarios participaron na Mapping Party de Poio convocada por XeoPesca

martes, 14 de abril do 2015 Redacción

Este sábado 11 de abril o Centro Xaime Illa de Raxó (no concello pontevedrés de Poio) acolleu unha actividade que cinguiu, nunha única acción, a defensa do software libre e o inventariado xeográfico da contorna (cartografando igual que se programa aberta e libremente). Falamos da festa Mapping Party Poio 2015, dirixida a achegar espírito lúdico ao tempo que se traballou por incrementar os datos xeográficos cunha licenza libre da contorna marítima do Concello de Poio.
A organización do evento, a asociación de software libre XeoPesca, salienta a “moi boa aceptación” que tivo a actividade. Máis polo miúdo, engade o colectivo, “conseguiu reunir dúas ducias de persoas de diferentes localidades galegas, de diversos rangos de idade e inquietudes variadas co obxectivo común de aprender a mapear e liberar os datos”.
O obradoiro, que contou coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Poio e as asociacións SCD Raxó e ACDeM Armadiña, artellouse en dúas partes principais: a saída de campo para a recollida de información e o envorcado dos datos. Diferentes membros da asociación xeoPesca estiveron a cargo da parte teórico-técnica necesaria para levar a cabo o labor de mapeo, cunha pequena exposición de contidos.
Segundo engaden dende a asociación, a dinámica foi colaborativa e “cun estilo de obradoiro”, adaptándoo a información as preguntas dos asistentes. De feito, a idea principal foi dende o comezo ter “unha xornada de aprendizaxe lúdico sobre a creación de mapas de información aberta”.
As ferramentas principais usadas foron Open Street Maps como soporte para os datos recollidos e a aplicación OSM tracker como ferramenta para a obtención da información, “a maiores, por supostos, das notas en papel”. Como resultado, rexistrouse por parte dos participantes-voluntarios unha boa cantidade de información xeográfica da vila de Raxó, en Poio, e da súa contorna. XeoPesca tamén agradeceu a colaboración achegada polo Concello de Poio, a Armadiña e ao Asociación Cultural de Raxó.