Dúas estudantes gañan o Open de galeguización de software libre da USC

martes, 16 de xuño do 2009 Raquel Noya

O premio Máis e Mellor, concedido pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría no marco do Open de galeguización de aplicacións informáticas de software libre celebrado recentemente na capital galega, xa ten vencedoras; trátase de Alejandra Mosquera Gómez, estudante de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas, e de Rocío Alonso Ramudo, estudante de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, que resultaron elexidas pola comisión de normalización lingüística da devandita Escola.
A iniciativa, na que participaron un total de dezasete grupos de formación moi diversa, tiña como obxectivo facer que a interface e os menús principais do NetBean estiveran totalmente en galego, algo que xa se pode dicir ben alto, pese a que, segundo veñen de informar dende a entidade, “aínda queda moito por facer”.
O caso é que, dos e das estudantes que compartiron a devandita tarefa, “hai xa nove persoas que van seguir colaborando nesa localización”, unha nova que enche de satisfacción aos seareiros do software libre en xeral e aos organizadores do devandito Open en particular.