EGANET e a Secretaría Xeral de Modernización salientan o papel das TIC como tecnoloxía anticrise

xoves, 16 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, reuniuse este xoves 16 coa directiva da asociación empresarial EGANET co fin de preparar futuras colaboracións en materia de pulo ás novas ferramentas dixitais en todos os eidos sociais e económicos do país. No encontro, que tamén serviu para avaliar a realidade do sector empresarial galego vinculado ás novas tecnoloxías (TICs), participaron Beatriz Legerén, Luz Castro e María Xosé Jamardo, presidenta, vicepresidenta e máis coordinadora de EGANET. Segundo informa a asociación, as representantes desta entidade e a secretaria xeral coincidiron en salientar a importancia do noso tecido produtivo tecnolóxico para uns tempos como os que vivimos, nos que aínda non se albisca un remate definitivo da crise económica que afecta directa ou indirectamente a todos os ámbitos.
Para Mar Pereira e o equipo de EGANET, se hai sectores dende os que se poden extraer recursos para activar a economía galega, entre eles está o das TIC con todo dereito, perfectamente capacitado hoxe en día para favorecer o medre da rendibilidade e da competitividade a nivel global do resto dos sectores.
Con todo, sinalaron, hai unha serie de materias pendentes. Por exemplo: potenciar a colaboración entre asociacións e institucións para garantir que os proxectos promovidos pola Xunta cheguen ao meirande número posible de empresas. As dúas responsables coincidiron igualmente en valorar o que ao seu xuízo foi “un acerto da nova Xunta”: unificar as competencias en materia TIC nun departamento só.
Por outra banda, tamén houbo reflexións sobre as maneiras máis axeitadas de loitar contra a fenda dixital, unha circunstancia que afecta á nosa terra por mor (principalmente) doutras fendas previas que non fan máis que acrecentar o problema: as que afastan económica, demográfica e socialmente os espazos urbanos dos rurais. Para Legerén, esta actividade concreta a prol da inclusión no dixital de todas as galegas e galegos ten que pasar por forza por unha ampliación da rede de telecomunicacións e máis por un achegamento á cidadanía co fin de que a demanda de TICs sexa acorde á oferta. E proseguiu: “A maior coñecemento maior posibilidade de mellora e maior desenvolvemento e competitividade, tanto das novas tecnoloxías coma dos distintos sectores produtivos galegos”.

PUBLICIDADE