EasyonPAD e R participan na nova edición da xuntanza de negocios de AEMOS
venres, 13 de marzo do 2015
A Asociación
de Empresarios de Mos (AEMOS) comunícanos que vai celebrar a
terceira edición do seu Encontro de Negocios AEMOS, o vindeiro 25 de
marzo no Hotel Talaso Atlántico de Oia. Será, sinala a
organización, unha cita para contactos, oportunidades de negocio,
alianzas comerciais e novos investimentos. Unha das novidades do
convocatoria deste ano, segundo engade a asociación, é a presenza
dun colaborador TIC de especial relevancia no mercado, máis polo
miúdo a plataforma EasyonPAD,
un recurso tecnolóxico adaptado especificamente ao evento e que, tal
e como explican dende AEMOS, impulsará a conectividade a interacción
integral entre as distintas empresas e profesionais asistentes.
“Deste xeito, o
encontro servirá de canle de promoción e difusión desta nova
plataforma para a comercialización de produtos e servizos,
destacando sobre todo no sector turístico e na organización de
eventos”, informa a organización empresarial galega, que engade
que este ano integrarán a xuntanza en Oia un total de 40 empresas da
contorna de Vigo e a súa área metropolitana, das cales 30 serán
novas no encontro (expoñendo por vez primeira as súas liñas de
negocio), e as 10 restantes, participantes noutras edicións. O gran
obxectivo de AEMOS é “favorecer a conexión entre o noso tecido
produtivo asociado e incrementar a rede comercial das nosas empresas,
sempre en prol de maiores cotas de negocio”, sinala o xerente da
asociación, Francisco Domínguez.
As 40 empresas
participantes presentarán as súas organizacións, establecerán
relacións comerciais e exporán as súas experiencias de negocio co
fin de estimular posíbeis novos investimentos.
O encontro dará comezo
ás 09.00 horas do mércores día 25 de marzo coa recepción,
acreditación e presentación do evento. Ás 09.15 horas haberá un
almorzo de traballo sobre a xestión do absentismo laboral na PEME.
Media hora despois, está previsto que comece a primeira rolda de
presentacións das empresas participantes, sendo a segunda quenda ás
12.00 horas. Tamén haberá dúas mesas de protagonistas, ás 10.45 e
ás 13.30 horas, nas cales se formarán grupos reducidos de empresas
agrupados por actividade empresarial de interese. A xornada
completarase con dous coloquios, un sobre o financiamento das PEME en
2015, ás 11.30 horas a cargo de Martín Blanco, director de zona
Porriño-Condado-Paradanta de Abanca; e outro, ás 13.00 horas sobre
o traballo remoto colaborativo, a cargo de David Veloso, do
departamento de Mercadotecnia de R.