EficienTIC celebra este xoves unha nova xeira de actividades para estudantes

mércores, 1 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O programa EficienTIC, conxunto de xornadas e encontros divulgativos para promover entre a nosa mocidade o uso racional e sustentábel das novas canles e ferramentas do coñecemento, dixitais, segue a súa andaina informativa e participativa dende Vigo. Máis concretamente dende Gradiant, EnergyLab e CITEXVI, os tres centros organizadores da iniciativa e, á súa vez, sedes das visitas e actividades. Segundo nos informan, este xoves entre as 10.00 e as 13.15 celebrarase unha nova xeira de EficienTIC, de novo convocando a estudantes de Bacharelato e de ESO e de novo achegándolles actividades para amosarlles en todo detalle como usar as TIC para seren máis eficaces e cales son as enerxías máis respectuosas co medio ambiente.
Esta nova xornada séguelle á cita coa mocidade celebrada este martes 31, máis polo miúdo a mocidade procedente do IES A Guía e o IES Francisco Sánchez de Tui, centros que, polo que se pode apreciar nas imaxes que achegan os organizadores do proxecto, souberon sacarlle o máximo partido ás vantaxes divulgativas de EficienTIC.
Como dixemos, o programa vén da man do CITEXVI (Cidade Tecnolóxica de Vigo), Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) e EnergyLab (Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética). As actividades, que deron comezo o 24 de xaneiro, inclúen demostracións e visitas guiadas polos devanditos centros, que se completarán con obradoiros para aprender a utilizar a tecnoloxía que nos rodea do xeito máis eficiente posible, respectando o medio ambiente. Para iso, os alumnos e alumnas comprobarán de primeira man como as enerxías renovables, como pode ser a eólica, poden alimentar as nosas máquinas ou facer funcionar aparellos sen electricidade.

PUBLICIDADE