El Huffington Post estréase en España

xoves, 7 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Montserrat Domínguez é a directora de El Huffington Post

A pasada noite veu a luz un novo medio en liña en España, El Huffington Post, que vén a ser a edición local da publicación dixital fundada por Arianna Huffington, que acadou grande éxito nos EE.UU. e que quere trasladar a súa experiencia ao noso mercado, para o que colocan a Montserrat Domínguez na dirección dun equipo composto por 7 xornalistas e 60 blogueiros, figurando entre estes últimos políticos como Eduardo Madina, Alberto Ruíz-Gallardón, Antonio Basagoiti, Patxi López e mesmo Felipe González, que non cobrarán polas súas colaboracións (política desta cabeceira que considera contraprestación suficiente a visibilidade que conseguen a través do medio).

A primeira portada de El Huffington Post destacou pola cuestionable calidade da montaxe fotográfica que a encabeza

A estrea do Huffington Post fixo bastante ruído na Rede, por unha parte pola debate ao redor da política de non pagar aos blogueiros, e por outra pola imaxe que figurou na portada: unha montaxe fotográfica dunha calidade máis que discutible.
Agora queda por ver se o medio será capaz de conseguir captar audiencia dun xeito maior aos medios tradicionais grazas a un enfoque máis atractivo das informacións como aconteceu nos EE.UU., aínda que non falta quen apunta que no caso español a influencia do grupo Prisa é demasiado forte (de feito, a súa redacción está no andar inferior ao de El País, e o seu acto de presentación en sociedade parecía un evento máis da cabeceira de Juan Luis Cebrián).

A redacción do medio está formada por 7 xornalistas e 60 blogueiros

PUBLICIDADE