ElMuelle amplía a súa achega formativo-tecnolóxica na Pobra do Caramiñal

martes, 28 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

ElMuelle Servizos Informáticos, empresa con sede en Pobra do Caramiñal, está arestora a ampliar a súa oferta formativa en materia de redes, deseño e informática. Segundo vén de sinalar nun comunicado, o reforzamento da achega vén dado pola obtención de catro novas homologacións emitidas a través da Consellería de Traballo para a impartición de cursos FIP na dita localidade, posibilitándose deste xeito a programación dos seguintes: Informática de usuario, Técnico en software ofimático, Deseñador web e multimedia, Administrador de redes e Iniciación á rede Internet. Deste xeito, puntualiza a empresa, “poderanse impartir as clases de formación ocupacional necesarias na Pobra, xa que antes practicamente non había un lugar para desenvolver actividades deste tipo”.
Polo que respecta ás homologacións, dicir que foron obtidas logo de ter superado a firma as inspeccións precisas en canto á instalación de equipamento e aplicacións informáticas que se deben ter habilitadas, co fin de desenvolver os cursos FIP da Xunta de Galicia. Sinalar que a aula de ElMuelle conta con 16 equipos informáticos de última xeración e que inclúen servizos multimedia, conexión a rede local, dúas conexións de banda larga para os accesos a Internet e un servidor central que salvagarda os datos.
O centro en cuestión contou cun investimento de 24.000 euros. O obxectivo da empresa non é só continuar nesta liña formativa e de colaboración coa Xunta, senón tamén ampliala no que sexa preciso. Nesta ligazón podemos ver na súa totalidade os integrantes da rede de centros colaboradores da Consellería de Traballo en materia de formación.

PUBLICIDADE