En marcha a asociación galega de profesionais das redes sociais, Adouspuntocero
venres, 25 de febreiro do 2011
Semella que as redes sociais botan firmes
raizames na nosa terra. En consecuencia, usuarios e desenvolvedores anímanse a
debater sobre as súas posibilidades, a contribuír a que saibamos separar o gran
(que o hai) da palla (que tamén hai). Froito disto ben pode ser o encontro Compostweets que se celebra este sábado
en Santiago de Compostela, e tamén a posta
en marcha da Asociación de Profesionais de Social Media en Galicia, unha
entidade creada hai poucos días e que se coñece na Rede xa co nome galego de Adouspuntocero.
A iniciativa, que ten páxina propia (aínda
que en construción), é a primeira agrupación galega constituída por
profesionais dedicados á creación e execución de estratexias de comunicación en
redes sociais.
Segundo informan, contan xa con sede en Santiago
de Compostela e o seu obxectivo fundamental é contribuír ao afianzamento e
desenvolvemento da Sociedade da Información na nosa terra a través desta
tendencia participativa das redes que se impón. Ao seu xuízo, a posibilidade de
participar activamente na construción da Rede (que é no que consiste a Rede 2.0
e as súas fillas, as redes sociais) é
unha boa oportunidade para que despeguemos tecnoloxicamente e, tamén, para
sermos máis competitivos e eficaces no mercado.
A maiores, a finalidade da Asociación é
promover a creación de programas 2.0 dende o noso territorio, defendendo os
intereses dun sector que, a xuízo da entidade, atópase en clara fase de
espallamento, “tanto en Galicia coma no
resto do España”. En resumidas contas, do que se trata é de artellar un
sector aínda novo, pero “cun medre
expoñencial e cun futuro (presente) que xa está aquí”. Adouspuntocero, que
ten o seu miolo en Socialmedia Network,
xorde tamén co arela de actuar e desenvolverse como unha comunidade 2.0. De
feito, está aberta a participación de novos membros e a inclusión no seu seo de
tódalas sensibilidades e puntos de vista. “Entre
todas e todos, sumamos”, din.