En marcha a terceira edición do programa formativo con software libre para os reclusos galegos
luns, 26 de xaneiro do 2015
Temos nova convocatoria
do programa galego alfabetización dixital para os presos dos
cárceres galegos, iniciativa impulsada pola Asociación
de Usuarios de Software Libre de Terra de Melide (MeLiSA) ao
abeiro do Programa de
Voluntariado Dixital da Xunta da axencia AMTEGA. Así, este
martes 27 de xaneiro ponse en marcha, oficialmente, a terceira
edición desta nova achega de actividades formativas e dinamización,
actividades que teñen as virtudes extra de realizárense onde máis
se precisan e, ademais, ao abeiro do coñecemento e a informática
sen barreiras. A terceira edición dos Obradoiros Tecnolóxicos en
Centros Penitenciarios de Galicia arrancan cun obradoiro de montaxe,
reparación e configuración de ordenadores con software libre no
Centro de Teixeiro.
Este obradoiro terá
continuidade até o mes de outubro, “para poder chegar aos sete
centros penitenciarios galegos”, sinala MeLiSA.
Como dixemos, esta
iniciativa encádrase dentro das actividades do Programa de
Voluntariado Dixital da Xunta de Galicia en colaboración coa
asociación de Melide para favorecer a inserción laboral da
poboación reclusa galega a través das TIC. Este proxecto formativo
nos centros penitenciarios chega á súa terceira edición despois de
levarse a cabo durante os anos 2013 e 2014, edicións “nas que que
se realizaron diversas accións formativas nos cinco centros
penitenciarios galegos, e os dous CIS, da Coruña e de Vigo, formando
a un total de 83 internos, axudando á súa inserción no mercado
laboral a través da formación en diferentes áreas TIC”, engade
MeLiSA.
Respecto á actividade
coa que comeza a terceira convocatoria, dicir que un total de 15
internos pertencentes ao módulo de respecto serán os destinatarios
do obradoiro en Teixeiro, no que se utilizarán oito computadores que
foron doados polo colectivo de usuarios de software libre con sede na
dita vila coruñesa, así como diferente material informático para
poder realizar reparacións se é preciso. “Os participantes neste
taller”, sinala o colectivo, “poderán aprender a montar un
ordenador persoal identificando os diferentes compoñentes do mesmo,
detectar as avarías máis comúns, e realizar labores de mantemento
dos mesmos”. Ao remataren, explícase, estarán en disposición de
instalar e configurar un sistema operativo GNU/Linux, co propósito
de que estes equipos poidan formar parte dunha nova aula de
informática no módulo de respecto.
Os voluntarios de Melisa
encargados de impartir estes obradoiros serán Rafael Rodríguez,
Jorge Lama e Salvador Tabarés, os cales xa contan con experiencia
neste tipo de talleres, tanto no centro de Teixeiro coma no resto de
centros penitenciarios da nosa comunidade autónoma.