En marcha o primeiro máster en supercomputación da nosa terra
martes, 3 de agosto do 2010

- O supercomputador Finisterrae, na sede do CESGA
Ao abeiro da potencialidade en investigación e recursos de cálculo que ofrece o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), vénse de pór en marcha unha iniciativa de formación que servirá entre outras cousas para verter na sociedade o coñecemento adquirido polo centro galego ao longo dos seus anos de experiencia. Estamos a falar do Máster en Computación de Altas Prestacións, HPC, que se vai pór en marcha no vindeiro ano académico (2010-2011) e que vai dirixido a atender a “gran demanda de profesionais especializados” nesta área e nas súas moitas aplicacións que teñen hoxe en días as universidades e os centros de investigación, pero tamén unha bo número de empresas vinculadas á innovación. Por exemplo: as empresas dos eidos financeiro, aeronáutico, navieiro ou farmacéutico, todas elas implicadas no manexo de grandes volumes de información e na busca de resultados (movementos, produtos, servizos) cen por cen certeiros.
O máster está organizado e impartido pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago e o CESGA. A maiores, conta co apoio orzamentario das empresas Bull e Hewlett Packard (HP), esta última moi ligada á supercomputación galega, non só mediante a achega que significou a posta en marcha do ordenador Finisterrae (que está emprazado no CESGA) senón tamén no apoio a iniciativas de computación na nube para garantir, mediante as redes, o futuro das escolas rurais galegas.
Máis polo miúdo, detrás desta achega formativa da que estamos a falar atópanse os grupos de Arquitectura de Computadores da USC, da UDC e máis do propio CESGA, que lle foron dando forma ao máster a través de diversos proxectos postos en marcha de xeito conxunto. “A creación deste novo máster é o resultado do traballo en común e o coñecemento da necesidade de especialización que require o sector”, sinalan nun comunicado. Amais de todo isto, o que se pretende con esta actividade é cubrir un baleiro formativo na nosa terra, xa que ata o día de hoxe non existía ningunha titulación universitaria que presentase unha especialización en computación de altas prestacións, engaden. “Por iso”, comentan, “este máster está dirixido sobre todo a titulados en enxeñaría ou ciencias experimentais, orientándose tamén a especialistas que desenvolvan o seu labor nos eidos da Investigación e o Desenvolvemento, así como á formación continuada de profesionais en activo”.
Que portas abrirá o novo máster?
Segundo informan os responsables da iniciativa, o horizonte de traballo achegado polo máster é ben amplo. En termos concretos, serviralles aos profesionais que o cursen para traballar en centros ou equipos de investigación multidisciplinares, públicos ou privados, onde poderán aplicar as tecnoloxías da supercomputación na mellora da calidade e máis da produtividade, e estarán en meirande disposición de empregar as ferramentas e potencialidades que subministra un superordenador.
Apoio de HP e Bull
A xuízo dos equipos responsables da posta en marcha desta acción formativa, non se pode deixar de lado que a actividade está avalada pola multinacional HP, con todo o que isto implica. En primeiro lugar, os alumnos poderán ter acceso á bolsa de traballo da empresa e ao proceso de escolma para o programa Sales University na división española da compañía. Amais disto, HP xa fixo saber o seu compromiso para integrar a un dos mellores estudantes do máster nalgún dos programas de investigación internacional que teña en marcha ao remato de cada curso. Asemade, grazas ao apoio de Bull, os primeiros números da actividade formativa terán acceso a centros de supercomputación da dita firma.
Durante os catro primeiros anos ofertaranse 25 prazas anuais de ensino presencial a tempo completo (un ano de duración) e a tempo parcial (dous anos).
