En marzo os Amigus Labs únense á celebración mundial do Arduino Day

luns, 25 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O 16 de marzo vaise celebrar a nivel internacional o Arduino Day, un evento de 24 horas organizado pola comunidade dos fundadores do hardware libre que xunta persoas de todo o mundo para compartiren as súas experiencias e aprender máis sobre esta plataforma de código aberto. Entre as asociacións que galegas que se veñen de sumar á celebración atópanse Makers Lugo (na cidade da Muralla) e máis a Asociación Amigus (nas Pontes). Esta última comunidade, de feito, fará coincidir o aniversario de Arduino co desenvolvemento dunha nova edición dos seus Amigus Labs, os obradoiros argalleiros que convocan regularmente os integrantes da Asociación Amigus en colaboración con Merca nas Pontes.
Será unha nova cita para enchouparnos en cousas de interese tecnolóxico pero tamén social, cultural e mobilizador, como o espírito Maker, a robótica, o software e o hardware libres, a arte, a creación dixital e a formación. Porén, desta volta farase fincapé nas posibilidades e potencialidades de Arduino.
A nova cita dos laboratorios participativos de Amigus, desenvolverase como de costume no Lar da devandita vila coruñesa. Segundo informa a asociación, o Arduino Day está aberto para calquera usuaria ou usuario que queira celebrar a plataforma libre e “todas as cousas incríbeis que se fixeron (ou se poden facer!) con esta tecnoloxía aberta”.
O programa será o seguinte:
· 10:30 – 14:00 h. e de 16:00 a 20:00: Amigus Labs - Arduino Day 2019, con exhibición de proxectos con Arduino. Convócase a todas as persoas afeccionadas que constrúen proxectos con Arduino a participar neste evento. Os proxectos deben presentarse rematados ou en funcionamento o día do evento. A temática das propostas é libre. Débese empregar, preferentemente, Arduino; con todo, poden presentarse proxectos baseados en tecnoloxías como ESPxxx, Raspberry Pi, etc.
As persoas interesadas deben enviar a amigus@amiguslabs.org un correo cunha explicación do proxecto para presentar e unha imaxe ou fotografía do mesmo antes do día 14 de marzo.
· 11:30 a 14:00 h.: Amigus Labs Kids - Obradoiro de iniciación a Arduino. Quen estea interesado en ter un primeiro contacto con Arduino pode apuntarse a este obradoiro. Na sesión mostraranse diferentes compoñentes e como se conectan e programan con Arduino.
· 16:00 a 20:00h. : Amigus Labs. Adicarase a tarde a elaborar os proxectos do Fab Lab, así como a traballar coa xente interesada en continuar facendo proxectos con Arduino. Os mais pequenos poderán construír robots baseados na placa libre.
Tódalas actividades realizaranse de 10:30 a 20:00, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00. As persoas interesadas en asistir aos obradoiros deben enviar un correo a amigus@amiguslabs.org
Estas son as entidades colaboradoras: Concello das Pontes • COHEMPO • ENDESA • EuroEume • Nauta • No Ping • Nodo Dixital • Triade • Severiano Agrocomercial • Escourido Asociados • Clip Carbono • Ferretería Marcos • Lujo • Matojoma • You can school of English • Fitter • Pontesa Marmoles y granitos • Desguaces Vilabella • Óptica Carmela • Galiorient • Servicio Móvil • Areco • Panadería San José • Fotografía Fabian • Don Dino • CONPLC • IcoEume • Preludio Musical • Arprosa • Radio Eter


PUBLICIDADE