En outubro temos unha cita cos datos abertos no Hackatiño da Coruña

xoves, 22 de setembro do 2016 Redacción

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), afincado na Facultade de Informática da Universidade da Coruña, está a retomar estes días a súa intensa actividade formativa, divulgativa e colaborativa arredor do software e o hardware libres e das súas múltiples liñas de acción. Esta aposta pola cultura aberta e participativa é o alicerce, precisamente, do Hackatiño de Datos Abertos, que se vai desenvolver os vindeiros 22 e 23 de outubro no espazo Normal da Universidade da Coruña. A proposta vén tamén da man de Árticos e GDG Coruña e insírese no programa Coruña Dixital, do que falamos os días pasados en Código Cero en todos os seus detalles.
Segundo explica o GPUL acerca do formato do evento, “o Hackathiño é un hackathon, pero máis da terra”, ou sexa pasado polo prisma propio da nosa comunidade de desenvolvedores e usuarios. Nesta edición, vaise centrar en convocar pequenos colectivos, asociacións e PEME co obxectivo de animalos a liberar os seus datos e amosarlles, en palabras da organización, “as cousas superinteresantes que se poden chegar a facer apostando pola información aberta”. En virtude desta proposta de traballo, engade o GPUL, desenvolvedores e colectivos propoñerán proxectos e traballarán en equipo durante unha fin de semana “co fin de presentar o domingo pola tarde un pequeno prototipo funcional baseado en datos abertos”.
A entrada é totalmente de balde e, segundo avanzan os organizadores, haberá premios para os mellores proxectos e comida para tódolos asistentes. Primará, sinalan, “un ambiente de innovación e no que pasar unha fin de semana aprendendo, facendo networking e por suposto, pasándoo moi ben”.