En setembro, os días 22 e 23, vaise celebrar en Pontevedra un evento que colle de preto a practicamente todas e todos os que andan na Rede e, ademais de andar, fan por darlle forma e contribuír ao seu medre. Estamos a falar do evento WordCamp Pontevedra, que se desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O seu fío temático é WordPress, o coñecido e estendido sistema libre de xestión de contidos orientado á creación de bitácoras, blogs e páxinas web. O evento está organizado por voluntarias e voluntarios da comunidade de WordPress Pontevedra e conta co apoio da Fundación WordPress, a organización internacional.
Como dixemos, o tema a tratar será WordPress, aínda que non de maneira exclusiva. Segundo nos contan os organizadores, falarase de “calquera asunto que teña relación con WordPress, a calquera nivel, dende blogs e negocios ata accesibilidade pasando por redes sociais e tendas en liña, entre outras moitas cuestións”.
O obxectivo da xuntanza é dar cabida á maior cantidade de xente posible, polo que a organización está a facer un esforzo para garantir a máxima accesibilidade económica. Así, coa axuda dos patrocinadores e as doazóns póñense en xogo entradas a prezos baixos: 25 euros por dous días.
A cita de Pontevedra forma parte dunha rede de acontecementos WordCamps que se celebran por todo o mundo, impulsados por usuarios, desenvolvedores e entusiastas do devandito sistema de xestión de contidos. Segundo explican os organizadores da xuntanza galega, as relatoras e relatores tamén concorren de maneira voluntaria e os cartos que se recadan por medio de entradas e patrocinios repercuten de xeito exclusivo sobre o evento (comida para dous días, café, refrescos, camiseta conmemorativa, impresión, carteis…).
A WordCamp Pontevedra, como primeira WordCamp que se celebrará en Galicia, conta con reunir unhas 200 persoas e pretende achegar os mellores contidos á comunidade galega con relatores de toda a nosa xeografía e e pór en valor o traballo e coñecemento dos profesionais da nosa terra.
O sábado haberá dúas tracks de conferencias con 20 relatores que tocarán todos os temas posibles para que, en palabras da organización, “tanto principiantes coma expertos aprendan e se divirtan”. O domingo será o Día do Contribuínte, onde se ensinará a colaborar co proxecto de WordPress: traducións, soporte, desenvolvemento, vídeo, etc.
Amais, o venres realizaranse diversas actividades: unha cita de balde dentro do programa de Pont Up Store con María José Soto, Fernando Puente e Vanesa Gómez, unha visita guiada por Pontevedra para asistentes de fóra ou unha cea para relatores, voluntarios máis patrocinadores, por exemplo.
En setembro metémonos na rede internacional de eventos sobre WordPress coa WordCamp Pontevedra
Compartir Este Artigo
