España súmase á norma HbbTV 2 para ampliar as posibilidades da TDT interactiva
venres, 17 de marzo do 2017
A Televisión Dixital Terrestre (TDT) chegou coa promesa da
interacción, que finalmente non se concretou nunha realidade palpable, e
practicamente o único que podemos ver nesta liña é o uso da tecnoloxía HbbTV por
parte das televisións públicas, o que permite principalmente que nalgúns
televisores conectados á Rede teñamos dispoñibles baixo demanda moitos dos
contidos á carta que ofrecen Televisión España e a Televisión de Galicia con só
premer un botón do mando a distancia (ou sexa, sen ter que contar cunha
aplicación específica instalada).
Agora esta tecnoloxía está a mirar cara ao futuro, e a Asociación Español de
Televisión Dixital Interactiva (AEDETI) e a Asociación HbbTV anuncian que o Foro
Técnico da Televisión Dixital adoptou
a nova norma HbbTV 2 versión 2.0.1 na súa especificación de receptores TDT para
o mercado español. Deste xeito, os fabricantes de dispositivos que queiran
superar a certificación TDT Híbrida
deberán dispor da certificación HbbTV 2, o que facilitará novas funcionalidades
como mellores gráficos, mellor accesibilidade, visualización simultánea
sincronizada en distintas pantallas e distribución de contido en ultra alta
definición con codificación HEVC.
José Luis Vázquez, presidente de AEDETI, asegura que «grazas a esta
actualización da especificación, a TDT poderá incorporar novos formatos
interactivos baseados no uso de segundas pantallas. A adopción de HbbTV 2 marca
un importante avance para a televisión en España».
Esta tecnoloxía xa está a adoptarse en Gran Bretaña, Italia e países nórdicos,
e resulta moi interesante de cara á integración de contidos interactivos, así
como para que as televisións públicas poidan distribuír contidos en 4K a través
de banda larga, de xeito que non sería preciso unha reorganización das canles
de TDT para poder abrirse a contidos audiovisuais de maior calidade técnica.
