Especialistas en coñecemento innovador avogan en Vigo por universalizar a estratexia da cooperación
venres, 28 de novembro do 2014
A Factoría de
Innovación de Vigo reuniu esta semana, novamente, un bo número
de profesionais galegos relacionados coa propia temática da
factoría: o coñecemento novo con capacidade de desenvolver o mundo
que nos rodea. Do que se tratou, máis polo miúdo, foi de avaliar O
ecosistema de innovación galego e os mecanismos de transferencia,
este foi de feito o epígrafe da xornada. Nela, os relatores
coincidiron en que as Administracións deben desenvolver novos
mecanismos que aseguren que detrás dos proxectos de interese haxa
diversas mans que se xunten para levalos a cabo.
Na cita estiveron, por exemplo, Bea Monfort e Nuria
Bueno, representantes do departamentos de Proxectos de Tecnópole,
que deron a coñecer as oportunidades que achegan complexos de
negocios e desenvolvemento como o que elas representan, o Parque
Tecnolóxico de Galicia en Ourense (San Cibrao das Viñas).
Oportunidades, dixeron, que teñen que ver en boa medida con ofrecer
un escenario axeitado para que as empresas dean forma aos seus
traballos innovadores ao tempo que establecen ligazóns e alianzas
con outras firmas da contorna, dando forma a novos traballos
innovadores. Como exemplo do valor engadido que ofrecen estes
recintos, expuxeron os resultados das iniciativas de Tecnópole 5
Sentidos para Innovar, da
que falamos en Código Cero salientado a súa vocación de xuntadora
de experiencias e capacidades, ou Galiciencia, a
feira da nosa mocidade investigadora que este ano destacou non só
pola cantidade de participantes e enxeños amosados, senón pola
calidade dos mesmos.
Na xornada da Factoría de Innovación de Vigo tamén
participou Lorenzo Pastrana, catedrático da área de Nutrición e
Bromatología do Grupo de Investigacións Agroambientais e
Alimentarias da Universidade de Vigo, que explicou que para que un
ecosistema de innovación funcione de xeito eficaz é preciso “que
exista biodiversidade e que os seus integrantes se interrelacionen
entre si”. Ao seu parecer, o ecosistema galego de innovación está
“ben consolidado”, en boa medida porque conta cunha importante
rede de axentes que apostan polo desenvolvemento da I+D+i. Porén,
tamén recoñeceu que é preciso mellorar o tecido investigador,
sobre todo poñendo en xogo mecanismos de cooperación que permitan
que funcione ao 100% das súas posibilidades.
Pola súa parte, Ricardo González, xerente do
Clúster da Madeira de Galicia, explicou o papel dos clústeres no
ecosistema de innovación, presentando algúns dos traballos
realizados no sector da madeira. Máis polo miúdo, falou da
implantación do Lean Manufacturing; do desenvolvemento do sistema
Lingnum Facile para o intercambio de coñecemento entre o sector
industrial e os principais prescriptores; e do recentemente aprobado
Cloudwood, un traballo destinado á implantación de códigos QR no
produto final e á posta en marcha dunha ferramenta de vixilancia
competitiva que ofrece información específica aos socios do Clúster
en función das súas necesidades.
Segundo informa a Factoría de Innovación de Vigo,
a segunda parte da xornada centrouse na análise da eficacia da
transferencia tecnolóxica e nas posibles melloras que se poden
aplicar neste eido. Fernando Vázquez, responsable de Imatia
Innovation, comentou que “o modelo de transferencia tecnolóxica
tradicional só é válido para facer I+D+i por encargo”, polo que
recomendou aos emprendedores que empreguen os resultados das
investigacións que se están a realizar nas universidades para crear
as súas propias empresas.
Pola súa banda, Roberto Graña, director xeral de
Blubusiness, reflectiu diversos estudos actuais para lembrar que o
57% das empresas españolas nunca cooperaron cun centro de
investigación ou tecnolóxico. Para corrixir isto, dixo, “habería
que potenciar moito máis a cultura da cooperación e favorecer que
dende as empresas se confíe máis nas universidades e vexan nelas un
socio de I+D+i para realizar proxectos”.
Para rematar, África González-Fernández,
directora do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de
Vigo, explicou a súa experiencia como investigadora para crear cun
grupo promotor a empresa Nanoinmunotech, que ofrece os seus servizos
a empresas e centros de investigación, e avaliou os atrancos aos que
se enfrontan a diario desde a Universidade para que a transferencia
tecnolóxica poida chegar a materializarse.
