Especialistas europeos analizan na UVigo o impacto da IA na propiedade intelectual e no eido laboral
martes, 4 de xullo do 2023
O
avance de Intelixencia Artificial está a xerar un crecente debate
público sobre a necesidade de regular, controlar e mesmo frear o seu
desenvolvemento. Entre os eidos nos que se prevén efectos
substanciais están a contorna laboral e tamén a propiedade
industrial e intelectual. Para debater e analizar as posíbeis
consecuencias deste crecemento, Vigo acolle esta semana, os días 6 e
7 de xullo (venres e sábado) o Congreso
Internacional O impacto da Intelixencia Artificial
no Dereito do Traballo e da Propiedade Intelectual e Industrial,
organizado polo grupo de investigación DMT da Facultade de Ciencias
Xurídicas e do Traballo.
O
simposio celebrarase na tarde do día 6 no edificio de sesións da
Autoridade Portuaria de Vigo centrándose as intervencións no eido
da propiedade intelectual e industrial e na mañá do 7 no edificio
Redeiras, sede institucional da Universidade de Vigo na cidade, para
abordar o impacto no eido das relacións laborais.
A
profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, do Departamento de
Dereito do Traballo e da Seguridade Social e directora do simposio
xunto co docente Pablo Fernández Carballo-Calero, explica que “o
evento encádrase no marco do proxecto Retos para un mercado de
traballo equitativo, sustentábel e aberto á competencia no contexto
da nova economía e da dixitalización, que desenvolve o grupo DMT,
formado por persoal investigador da Área de Dereito do Traballo e a
Área de Dereito Mercantil”. Este grupo, recoñecido como Grupo de
Potencial Crecemento pola Xunta de Galicia, “ten por obxecto o
análise do marco xurídico das actividades económicas nas que as
relacións e interaccións entre a normativa laboral e mercantil é
máis intensa e, en ocasións, conflitiva”. Como explica Rodríguez
Martín-Retortillo, entre as múltiples liñas de traballo que están
a desenvolver está o impacto da dixitalización nas relacións de
traballo, e ao abeiro dela xurde a idea de organizar este congreso.
O
congreso, presencial e de balde, está concibido para o alumnado
universitario, o persoal investigador e tamén para as e os
profesionais do sector e mesmo o público en xeral interesado na
temática.
Ao
longo das dúas xornadas prestarase especial atención aos problemas
de autoría e patentabilidade das obras realizadas por Intelixencia
Artificial, así como a necesidade de garantir a protección de datos
durante a utilización das mesmas. Respecto do eido laboral, os
relatorios versarán sobre a utilización de IA para a xestión de
recursos humanos, en particular, abordaranse os riscos do uso de
algoritmos, ao poder contar estes con nesgos discriminatorios na súa
configuración.
Do
mesmo xeito abordaranse as consecuencias da integración da IA no
emprego, debatendo tamén en liñas xerais sobre a perda e creación
de postos de traballo a raíz da dixitalización.
Todas
as intervencións correrán a cargo de destacados xuristas “de
recoñecida competencia nas disciplinas Mercantil e Laboral
procedentes do ámbito nacional e internacional, polo que a
perspectiva de Dereito comparado que adquire o congreso supón, sen
dúbida, un valor engadido para todos e todas”.
O
congreso arrancará o xoves 6 pola tarde no edificio de sesión da
Autoridade Portuaria coa inauguración ás 16.0 horas que dará paso
a unha serie de intervencións moderadas por Isabel Espín Alba,
profesora de Dereito Civil da Universidade de Santiago de Compostela.
Entre os relatorios estará o de Enrico Bonadio (University of
London) sobre a patentabilidade das obras xeradas por Intelixencia
Artificial e o de Concepción Saiz García, profesora de Dereito
Civil da Universidade de Valencia sobre a propiedade intelectual das
obras xeradas por tecnoloxías intelixentes. Tras unha pausa
intervirá Aurelio López Tarruella-Martínez, profesor de Dereito
Internacional Privado da Universidad de Alicante e director da
Cátedra Metaverso que falará sobre datos e IA e posteriormente
comezará unha sesión de comunicación, coa que se pechará a
primeira xornada.
O
venres o congreso trasládase ao edificio Redeiras e comezará tamén
cunha serie de relatorios moderados por Jaime Cabeza Pereiro,
catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da
Universidade de Vigo. Intervirá María Luz Rodríguez Rodríguez,
catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da
Universidade de Castilla La Mancha, que falará sobre robotización e
emprego; Aída Ponce del Castillo, investigadora do European Trade
Union Institute (ETUI), que abordará a xestión algorítmica do
traballo e, tras unha pausa, comezará un segundo panel de relatorios
moderado por Belén Fernández Docampo, profesora de Dereito do
Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, no que
intervirán dous docentes italianos. Por unha banda, Federico
Martelloni, profesor de Dereito do Traballo da Università di
Bologna, que analizará a relación entre as decisións automatizadas
e a discriminación e, por outra, Valeria Nuzzo, da Università degli
studi della Campagna Luigi Vanvitelli, que abordará a incidencia da
Intelixencia Artificial na cualificación do contrato (autónomo ou
subordinado). A xornada completarase coa presentación de
comunicación, unha sesión moderada por Alexandre Pazos Pérez,
profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da
Universidade de Vigo, que dará paso á clausura do congreso.