Este mércores celébrase na Coruña unha install party sobre a nova versión de Ubuntu

luns, 25 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A Oficina de Software Libre da Universidade da Coruña organiza este mércores 27 de outubro as 17:00 horas unha actividade colectiva de participación e divulgación arredor do sistema operativo Ubuntu, unha das distribucións abertas máis espalladas e estables do panorama actual da programación libre. Máis polo miúdo, a cita convocada pola Oficina vai consistir nunha Install Party da versión Ubuntu 10.10, o que quere dicir que se trata dun encontro que segue, punto por punto, o ideario nas redes da comunidade de software libre: aberto ao público en xeral e proposto para darlle azos á participación sen xerarquías. A party desenvolverase no Fórum Metropolitano da Coruña. O obxectivo da OSL é saír do ámbito universitario para achegarlle á cidadanía a nova versión do sistema operativo GNU/Linux Ubuntu 10.10.
Durante o obradoiro o persoal da OSL axudará e guiará a todos os asistentes a instalar e configurar nos seus portátiles o recen saído GNU/Linux Ubuntu 10.10 co fin de amosar o sinxelo que é realizar a instalación e a rapidez coa que é posible comezar a gozar de todas as súas capacidades e aplicativos, como o navegador web, o xestor de correo electrónico, comunicación nas redes sociais máis estendidas (Facebook, Twiter...), suite ofimática, xestión e retoque fotográfico,; reprodutor de son e vídeo, xogos ... e un innumerable conxunto de aplicativos libres, gratuítos e legais dispoñibles para o seu uso a un simple golpe de rato.
Todo aquel que queira coñecer de primeira man o funcionamento de Ubuntu 10.10 sen medo ao descoñecido e da man de expertos na materia que non dubide en inscribirse neste obradoiro gratuíto. Só hai 25 prazas dispoñibles que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.