Este sábado arrinca a agardada nova edición dos CoruñaHacks

luns, 4 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Este sábado 8 de marzo comezan de novo os CoruñaHacks, as quedadas participativas sobre tecnoloxías abertas e construtivas. Virán, ademais, cunha feitura semellante á da anterior edición con tres hackatons a desenvolver o 9 de marzo, o 13 de abril e o 11 de maio e todos co obxectivo compartido de desenvolver proxectos open source en equipo. A maiores, incorpórase un formato mini para a nova xeración de argalleiras e argalleiros (a celebrarse de maneira paralela e complementaria). Como lembraremos, Coruña Hacks vén da man dos colectivos GPUL, Coruña Developers e Árticos.
As entidades organizadoras recordan que durante a pasada edición foron quen de xuntar unha media de 30 asistentes en cada un dos hackatons, amais de media ducia de patrocinadores e un total de 13 entidades colaboradoras, contando con asistentes de toda a xeografía galega. “Do evento”, engaden, “saíron finalmente 4 proxectos, algún deles moi interesante e cun grao moi avanzado de desenvolvemento como é o caso de Aloha, por suposto todos eles software libre”.
Coruña miniHacks
Este ano, a maiores da versión tradicional, a organización decidiu lanzar tamén en paralelo unha edición enfocada para os mais pequenos da casa, os Coruña miniHacks, unha proposta para rapaces de entre 8 e 16 anos que se desenvolverá os mesmos días que a versión adulta, aínda que moitas menos horas por xornada. Segundo informan os colectivos organizadores, nas sesións as participantes poderán programar historias, aplicacións ou videoxogos, co único requisito de poder levar un ordenador portátil.
A maiores, haberá unha gala final con premios para os mellores proxectos.
Apoiando a iniciativa atópase novamente o Concello da Coruña, que deu o seu respaldo a estes obradoiros dende as súas orixes (a través de Coruña Dixital e da Área de Participación e Innovación Democrática).
Segundo lembran as entidades organizadoras, Coruña Hacks é unha proposta aberta a todas as persoas que teñan a arela de experimentar coa tecnoloxía, dando forma a novos programas e servizos de utilidade común e afondando en detalles relacionados co hardware libre.
A primeira xeira será no Centro Ágora e nela poderase debater sobre que proxectos se traballará e constituír os equipos coas persoas inscritas.

PUBLICIDADE