Este xoves SuSE fai parada en Santiago para amosar as súas máis recentes tecnoloxías

mércores, 15 de marzo do 2017 Redacción

Os SuSE Expert Days, o programa internacional e itinerante de xornadas arredor do sistema operativo SuSE, chega este xoves 16 a Santiago. Trátase dun percorrido argallado pola dita empresa internacional para axudar a PEME de todo o mundo (América, Europa -incluída Rusia- e África) a afrontar nas mellores condicións posíbeis os retos da transformación dixital e a Industria 4.0, coa axuda das ferramentas libres da contorna SuSE. Máis en detalle, as empresas participantes coñecerán as máis recentes propostas open source da compañía para servidores, computación na nube e tecnoloxía Docker (sistemas para virtualizar un contorno Linux con todas aplicacións que precisemos e con opcións de ser despregado ao momento en calquera outro Linux). O evento vén da man de AGASOL e do CPEIG, e celébrase no auditorio 1 do edificio CINC da Cidade da Cultura.
Amais do devandito, a cita será, en palabras de AGASOL, “unha boa oportunidade para ver as máis punteiras tecnoloxías actuais de SuSE, a firma máis veterana adicada a Linux e ao código aberto”. Tecnoloxías como por exemplo SuSE Linux Enterprise Sever, SuSE Manager, SuSE OpenStack Cloud e SuSE Enterprise Storage.
Lembrar que as persoas inscritas no evento deste xoves terán a oportunidade de entrar no sorteo dunha Raspberry Pi 3 B co sistema operativo Suse Linux Enterprise Server for ARM.
SuSE Expert Days
Son eventos dun día de duración con charlas técnicas e demostracións dos produtos da compañía, que fornecen aos profesionais ferramentas que lles poden ser útiles para desenvolverse no seu día a día nos seus centros de procesamento de datos.
Programa
· 9:00 - 09:30 Café de benvida
· 09:30 - 09:45 Presentación dos Suse Expert Days
· 09:45 - 10:00 Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia
· 10:00 - 10:30 O ecosistema de software libre en Galicia (AGASOL)
· 10:30 - 11:30 Transformación dixital. Suse: Estratexia e futuro
· 11:30 - 11:45 Café
· 11:45 - 12:20 Cara ao novo centro de datos: OpenStack, CloudFoundry, Ceph e Colectores
· 12:20 - 12:50 Transformación dixital: Sistemas de Misión Crítica: SAP, ZeroDowntime e HA con demostracións de LivePatching, full system rollback e MS SQLServer en HA
· 12:50 - 13:40 DevOps: Arquitectura, estratexia e modelo. Developer tools, SLES for Raspberry Pi e Containers as a Service Platform: MicroOS+Docker+Kubernetes
· 13:40 - 14:20 Suse OpenStack Cloud. Integración de OpenStack con Kubernetes e Docker, HA e non-disruptive update con demostración.
· 14:20 - 14:30 Preguntas
· 14:30 - 15:30 Xantar

PUBLICIDADE