Estremadura habilita na Rede un espazo para vela polo miúdo en tempo real

venres, 18 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Se a aposta polo software libre fose unha carreira de obstáculos (e éo, en certa medida), Estremadura xa tería deixado superado algún que outro. O resto, con maior ou menor distancia cara a adiante ou cara a atrás, aínda estaría a rentes da liña de saída. O caso é que temos máis novas sobre o que se está a facer na dita comunicade en materia de liberación e apertura de todo o que teña que ver co administrativo, segundo nos conta Agnix. Trátase de ExtremaduraVista, unha infraestrutura en liña de cámaras que achega en tempo real imaxes de todos os recantos do país.
O proxecto, que como non podía ser doutro xeito vai desenvolvido e apoiado sobre código aberto (os servidores empregados baséanse na distro GNULinEX), é algo máis ca unha boliña de cristal para asexar polo miúdo e a distancia no contorno estremeño.
De feito, amais dos servizos de xeolocalización e das cámaras en activo, preséntase como un inmellorable xeito de coñecer a realidade daquela terra e dende calquera punto de vista: social, xeográfico ou turístico. Mesmo se ofrecen datos meteorolóxicos sobre o lugar que estamos a ver en tempo real.
O portal é posible grazas a dúas cousas fundamentais: a experiencia previa no deseño de software libre e a rede de cámaras web de Estremadura, que son o alicerce do proxecto. En total, son 150 cámaras as que están espalladas por diversos recunchos de interese histórico e social do país.