Éxito de participación no curso de PMO organizado polo CPETIG

luns, 12 de marzo do 2012 Raquel Noya

Os pasados días 9 e 10 de marzo, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) celebrou un curso sobre Oficina de Xestión de Proxectos (do inglés Project Management Office, PMO), dirixido a formar aos asistentes en todo o relacionado con este departamento dentro dunha organización ou empresa.
O curso, que xa cubrira tódalas prazas dispoñibles dende moito antes da súa celebración, foi “un auténtico éxito”, segundo a opinión dos seus organizadores, que convidaron ao experto en PMO, José Luís Iparraguirre, para curarse en saúde e asegurar a formación efectiva de tódalas persoas interesadas.
O evento celebrouse na contorna privilexiada do Hostal dos Reis Católicos, e a el asistiron profesionais que precisaban formación relacionada coas oficinas de xestión de proxectos e os seus labores asociados.
A orientación do curso foi eminentemente práctica, baseándose os escenarios propostos en casos reais de PMOs nos que o Iparraguirre participou directamente, tanto na definición conceptual da súa estrutura de traballo, como na operación das mesmas.
As persoas asistentes puideron participar de xeito activo no debate organizado sobre esta temática para discutir os factores de éxito dunha PMO e as distintas orientacións que o traballo destas pode ter en función dos obxectivos definidos para as mesmas.

PUBLICIDADE