Fene aposta polo envellecemento saudábel a través do uso dos teléfonos intelixentes
venres, 10 de febreiro do 2017
O Concello
de Fene está a organizar actividades para favorecer durante o ano en
curso o que se coñece como envellecemento activo a través das novas
tecnoloxías da información. Trátase do programa de accións
Tardes Activas, un variado feixe de propostas que inclúe entre os
seus bloques temáticos a introdución e o manexo das novas
ferramentas, co fin de contribuír a mellorar a calidade de vida das
persoas maiores e, tamén, a ampliar a súa formación e os seus
xeitos de empregar o tempo de lecer. Tardes Activas, que é un
programa itinerante, vén da man da Concellaría de Benestar Social e
Igualdade de Fene. Prolongarase dende este mes de febreiro até
decembro.
As Tardes Activas están estruturadas en catro
obradoiros distintos. A veciñanza poderá participar neles de
maneira indistinta, “mesmo aínda que non pertenzan á parroquia
onde se impartan cando se trate de actividades itinerantes”. Un dos
obradoiros trata sobre activación da memoria (“recomendábel para
persoas que teñen esquecementos cotiáns”, outro tratará sobre
lembranzas (“traballando diferentes funcións cognitivas a través
de recordar vivencias”) e outro xirará arredor dos recursos para
manter a raia a aparición de demencias.
A última actividade para a veciñanza da terceira
idade é un obradoiro para aprender a empregar os teléfonos móbiles
intelixentes, cos que, segundo sinala o Concello, “ademais de falar
tamén se pode navegar por Internet, acceder ás redes sociais e
mesmo dispor de aplicacións moi útiles a partir de certas idades”.
O Concello, que lembra que neste caso é necesario que cada persoa
leve o seu propio teléfono, sinala que este obradoiro desenvolverase
nas mañás dos venres entre as 11 e as 13.00h. a partir do 24 de
febreiro. O curso impartirase na aula de formación municipal situada
na avenida Naturais de Fene nº 44, entresollado.