Firefox: a rentes da cuarta parte dos internautas en Europa
venres, 30 de marzo do 2007
Firefox vai xa como o seu propio nome suxire: coma un raposo de lume, entendéndose por este un animal que escasamente é quen de ficar quedo. A maiores, tamén poderíamos dicir que o navegador de software libre é cada vez máis como un raposo no curral dos navegadores, a xulgar polo arreguizo que debe meter no corpo ós da competencia que se teñan publicado datos coma este: Firefox xa anda a rentes do 25% de uso en Europa. Así o fixo saber estes días un estudo feito sobre uns 90.000 sitios rexistrados por XiTi ó longo de sete xornadas do mes que estamos a piques de deixar atrás. Isto non quita que outros navegadores como Internet Explorer 7 non sigan prevalecendo en certos países (16 dos 30 europeos analizados), pero é que a novidade reside no feito de que ata hai ben pouco dominaba en case todos, e agora Firefox vénlle de “roubar” outros 14.
Do que non cabe dúbida é de que esta “competición” entre ferramentas da Web estase a poñer cada día máis interesante, e se cadra non está nada mal que se dea este pique entre desenvolvedores e usuarios, posto que moi poucas veces adoita a saír algo realmente positivo dun posto vitalicio ou dun mandato excesivamente longo e cómodo.
Á fronte dos países “enrraposados” segue Eslovenia, cunha taxa do 44,5%, seguido de Finlandia e Croacia, este último país cunha porcentaxe do 36,5%. Logo veñen Alemaña e Eslovaquia. No caso de España, cómpre dicir que está nunha situación semellante á de Francia: son países que están por debaixo da media de uso do navegador libre pero que, se cadra por esa razón (porque só poden medrar no seu emprego) teñen taxas de crecemento dignas de ser tidas en conta. En España a taxa pasou en pouco tempo do 13,7 ó 15,7%.
No caso de Galiza, non atopamos aínda datos sobre a porcentaxe de emprego, pero está claro que nestes tempos ten medrado moito a súa presenza e que a versión definitiva da tradución á nosa lingua vai axudar en boa medida ó devandito proceso. Fíxonolo saber os días pasados a plataforma mancomun.org: os voluntarios viñan de pórlle o punto e final á supervisión das cadeas da interface do dito programa que ficaban penduradas no Entrans.
