Fortissimo simplifica co seu marketplace o acceso das PEME á computación avanzada

martes, 29 de novembro do 2016 Redacción

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) reflectiu este mes de novembro importantes novidades acerca do programa europeo Fortissimo, no que participa activamente o centro, novidades que se suman ás achegadas no evento celebrado en Santiago o pasado 23 de outubro para expoñer as oportunidades para as PEME que ofrece (en termos xerais) a integración nelas da computación avanzada e (en termos concretos) a súa participación en Fortissimo (que vai pola súa segunda convocatoria). Precisamente as novidades máis recentes respecto deste programa europeo teñen que ver, directamente, con facer o máis doado posíbel o acceso das PEME ao ámbito das simulacións informáticas avanzadas e á computación de alto rendemento (HPC, polas súas siglas en inglés High Performance Computing). Falamos da creación do Marketplace de Fortissimo, un innovador espazo de interacción que xunta provedores clave e pequenas e medianas empresas.
Este mercado dixital, baseado na nube, salienta por achegar unha plataforma que simplifica ao máximo o acceso das empresas aos servizos derivados do cómputo avanzado. O marketplace, cuxa inscrición é de balde, xa xunta arestora máis de 130 socios. Segundo destacan os seus impulsores, é moi axeitado para atoparmos os provedores máis acaidos para os nosos requirimentos de simulación, xestión e facturación de proxectos. A idea, en última instancia, é contribuír á produtividade das empresas e axudalas a reducir aos seus custes de produción “de maneira significativa”.
O Marketplace de Fortissimo subministra as seguintes vantaxes para os provedores de servizo: achega unha canle de ventas dirixida, adecúa os servizos ás necesidades dos usuarios e permite o subministro dun servizo de contabilidade e facturación para o usuario final. No intre do seu lanzamento, o devandito acubillo comercial inclúe xa 139 socios, entre os cales atópanse empresas manufactureiras, desenvolvedoras de aplicacións, expertas en dominios, provedoras de solucións IT e subministradoras de servizos de HPC na nube procedentes de 19 países.
Vantaxes comerciais
Segundo recorda o o CESGA, recursos como a Computación de Altas Prestacións (HPC) e o software de simulación e modelado non estaban até agora ao alcance de todas as PEME. A estas ferramentas e sistemas, de feito, só adoitan acceder as empresas máis grandes e máis potentes do mundo. Porén, as vantaxes e oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías presentábanse como importantes de máis como para seguir perpetuando esta desconexión delas co ámbito das PEME. Ao fío disto, o centro lembra que nun estudo de IDC estimábase que cada dólar investido en HPC tiña un retorno, de media, de US$ 356 en ingresos e US$ 38 en beneficios ou aforros de custos. O principal atranco para universalizar entre as pequenas e medianas empresas a alta computación era pois de equipamento, de recursos humanos e de capital: Como facer posíbel o uso entre aquelas os supercomputadores que demandan os programas de simulación máis avanzados? Como poñer á disposición os profesionais máis especializados? Como impulsar os investimentos de capital que se precisan? Segundo informa o CESGA, a resposta a todo isto está en boa medida en programas como Fortissimo. “Co seu Marketplace”, engade, “elimínase a complexidade do proceso de compras e redúcense de maneira considerábel os custos, xa que os provedores de servizos adáptanse á perfección aos usuarios ofrecendo unha plataforma de autoservizo baseada na nube”.
Polo tanto, o obxectivo do Marketplace de Fortissimo é ofrecer ás PEME procedentes dunha ampla gama de mercados verticais (motor, aviación, enxeñaría médica, manufactura, enerxía, medio ambiente) un acceso económico a servizos avanzados de simulación e modelado operando nunha infraestrutura de recursos de HPC na nube xunto con aplicacións de software, experiencia e ferramentas.
Para visualizarmos as vantaxes e oportunidades que se abren ao abeiro deste programa, o CESGA lémbranos o casos de éxito das empresas galegas Texas Controls e Madeiras Besteiro. Ademais, podemos albiscar os experimentos na súa totalidade nun apartado específico da web de Fortissimo.

PUBLICIDADE