GALPon organiza unha xornada explicativa sobre a importancia da liberdade dos documentos
xoves, 13 de marzo do 2014
Con
motivo da celebración do Día
Internacional da liberdade dos Documentos
(DFD) -que será o vindeiro mércores 26 de marzo- o Salón de Graos
da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación
da Universidade de Vigo organizará unha
xornada
sobre a necesidade de liberar a documentación académica e de
investigación así como a importancia do uso
dos estándares abertos. Cómpre dicir que esta xornada está aberta
ao público en xeral e vén da man de GALPon
co gallo de contribuír
a acadar os obxectivos que persegue a dita celebración.
O DFD
é unha iniciativa a nivel mundial promovida pola Free
Software Foundation Europe que ten lugar o
derradeiro mércores do mes de marzo co fin de chamar a atención
sobre a importancia de conservar os documentos dixitais que
empregamos en formatos
libres e estándares abertos.
A
importancia do uso de estándares abertos é cada día de maior
relevancia para garantir a interoperabilidade e evitar a dependencia
tecnolóxica cun único provedor. Deste xeito, calquera pode acceder,
ler ou editar un documento sen necesidade de adquirir unha aplicación
particular. A xeito de exemplo, e como xa adiantabamos
en Código Cero, citamos a iniciativa
do goberno do Reino Unido para establecer o ODF como estándar de
obrigado cumprimento para toda a súa
documentación.
Alén da mesma xornada, os voluntarios do Gruvi e
técnicos da Oficina de Software Libre do CIXUG realizarán un obradoiro
de instalación de LibreOffice de 11:00 a 14:00 horas no
hall da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Universidade de
Vigo).
Programa da xornada
10:45 horas: “A necesidade de liberar a documentación académica e de investigación” - Relatorio impartido por D. A. Pablo Hinojosa Gutierrez (@pisicobyte_), técnico da Oficina de Software Libre da Universidade de Granada. Falará sobre o Copyleft e as licenzas libres, a cultura libre e a ciencia aberta, sobre por que deberían empregarse licenzas libres e achegará unha receita rápida para liberar traballos. Esta conferencia vai encamiñada de xeito especial aos alumnos de Tese, TFG, PFC, doutorandos, investigadores ... e a todo o público interesado na Cultura e nos estándares Libres.
12:00 horas: Debate aberto sobre a tese do relatorio no que participarán:
D. Miguel Cacho, Prof. de Enxeñaría de Sistemas e Automática na Escola de Enxeñaría Industrial (Universidade de Vigo).
D. Miguel Branco, investigador no Depto. de Ecoloxía e Bioloxía animal (Universidade de Vigo).
D. Juan Víctor Rodríguez Arós, Xefe do Departamento de Innovación Tecnolóxica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)-Xunta de Galicia.