GALPon ultima os preparativos do wikimaratón da Galipedia que se celebra este sábado

mércores, 25 de febreiro do 2015 Redacción

Como vimos lembrando dende hai semanas, Vigo acolle este sábado 28 de febreiro o primeiro editatón da Galipedia, unha xuntanza organizada ao abeiro do 3º ciclo dos Sábados Libres na Residencia Altamar. A cita, organizada polo Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e os responsables da Galipedia, consiste nun wikimaratón arredor da dita enciclopedia virtual galega, xirando arredor dela e, tamén, do software e a cultura libre. O obxectivo é crear (virtualmente ou de xeito presencial) máis entradas para a Galipedia sobre as ditas cuestións do coñecemento aberto, amais de mellorar as xa existentes. O wikimaratón comezará ás 10:00 na dita residencia de Vigo e incluirá unha pequena sesión de introdución á edición da Galipedia despois da cal darase comezo á edición dos artigos por parte dos asistentes e dos colaboradores en liña.
Segundo nos avanza sobre o programa de actividades Elisardo Juncal, administrador da enciclopedia galega en liña, logo da presentación e apertura previstas para as 10.00 horas, pararase directamente a introducir aos presentes no pasado, presente e futuro da Galipedia, amais de familiarizalos na achega de contidos co Editor Visual. Logo, sobre as 11.15 horas, afrontarase a planificación e distribución do traballo de edición, comezando a primeira sesión arredor das 11.30 horas. O wikimaratón inclúe pausa para xantar e logo, pola tarde, retomaranse as xeiras de traballo, que rematarán a rentes das 18.30 horas.
Entre os temas a tratar nas sesións inclúense os seguintes: software privativo, Copiade malditos!, MOOC, Cultura libre, Datos abertos, Licenzas Creative Commons, Hardware libre, Arquitectura aberta, Bitcoin, Educación aberta ou Impresora 3D. Estes son algúns dos artigos que se propón crear, mentres que se quere desenvolver ou corrixir a información existente sobre Arduino, Inkscape, GIMP, Creative Commons, Copyleft, Chamilo, MySQL ou Proxecto GNU.
Para os interesados en participar, dicir que se pode facer de xeito virtual, dende a casa, colaborando na creación ou mellora destas entradas, pero os seus organizadores instan á asistencia presencial, para incidir nesoutros obxectivos de construción e coñecemento da comunidade.