GHANDALF convoca 2 bolsas para PFC desenvolvidos con software libre

martes, 8 de xuño do 2010 Raquel Noya

GHANDALF (GHandalf ANaliza Difunde e ALenta o Floss), unha asociación sen ánimo de lucro constituída no noso país a comezos do pasado ano, non deixou dende entón de promocionar o software libre e de mirar de que a sociedade accedera a usar este tipo de programas no seu día a día, algo no que agora vai insistir aínda máis se cabe ao convocar unha peculiar bolsa de estudos para os e as estudantes galegas.
Ao abeiro do Convenio 2010 entre as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre e maila Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, esta entidade vén de anunciar que se inicia o proceso de concesión de dúas bolsas a estudantes universitarios de disciplinas técnicas relacionadas co Software (Enxeñería Informática, Telecomunicacións, Industriais e relacionados) para que o Proxecto Fin de Carreira (PFC) que leven a cabo, desenvolva sistemas/aplicacións en Software Libre, ou aporten valor técnico no ecosistema deste tipo de tecnoloxía.
A intención desta actividade é, segundo informan,”darlle apoio e orientación técnica a estudantes para que o Proxecto Fin de Carreira que desenvolvan estea influenciado pola filosofía do Software Libre, e ao mesmo tempo poida aportar o seu gran de area no enriquecemento do ecosistema galego do Software Libre”.
As bases da convocatoria, cuxo prazo remata o vindeiro 15 de xuño, achéganse na súa web, así como o contido das bolsas, que inclúen por unha banda o apoio e titorización por parte dos membros de GHANDALF para axudar a resolver tódalas dúbidas que se plantexen en materia de software libre e pola outra, un asesoramento e titorización cunha achega económica (a modo de incentivo) de 200 euros.
É por isto que as persoas que vaian presentar o seu Proxecto Fin de Carreira durante este ano 2010, deben saber que poden enviar as súas propostas a esta entidade, así como tamén ao Premio ao mellor proxecto de fin de carreira que organiza Igalia, e aproveitar o mesmo PFC para dous concursos galegos pioneiros neste eido.