GaliciaTIC clausura a súa 20ª edición
xoves, 20 de outubro do 2022
GaliciaTIC, o foro
de referencia para o sector tecnolóxico organizado por INEO, clausurou na
Cidade da Cultura a súa vixésima edición reunindo a máis de 300 participantes, contando
con 44 relatores e ofrecendo un completo programa con, conferencias, seminarios
e mesas temáticas e showrooms que supuxeron, en dous días, máis de vinte
horas de actividade. Este é o balance co que se despide GaliciaTIC que, neste
ano, celebrouse baixo o lema Crecemento, dixitalización e eficiencia.
O acto de clausura da XX GaliciaTIC contou coa
intervención do vicepresidente primeiro
da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde. “A
ciencia de hoxe é a tecnoloxía de mañá. E quero felicitar a INEO por organizar
un foro de referencia como este para un
sector cun enorme impacto no crecemento económico”, puxo en valor o
vicepresidente primeiro, antes de engadir que o sector TIC ten a dobre función
de avanzar “na dixitalización e na sustentabilidade”, dous polos fundamentais
para a “competitividade”.
Subliñou neste contexto o investimento que fixeron as empresas galegas en
tecnoloxía en 2021, un 19% maior que o ano anterior, ata sumar 545 millóns de
euros, segundo os datos publicados pola AMTEGA. Ademais, o
uso da intelixencia artificial entre as pemes galegas medrou un 50% no último
ano, escalando ata o quinto lugar a nivel estatal.
Conde, antes de poñer co seu discurso o broche de ouro ao
programa deste ano, encargouse de facer entrega das distincións coas que
GaliciaTIC quixo recoñecer o labor e implicación de sete entidades
colaboradoras; cinco delas empresas privadas e os dous restantes, institucións
pertencentes á administración pública galega.
O director de Axencia pola Modernización Tecnolóxica de
Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia, recibiu a distinción de mans do
vicepresidente, igual que Norberto Penedo, director de Competitividade do
Instituto Galego de Promoción económica (IGAPE). Desde a iniciativa privada,
Deloitte foi unha das empresas distinguidas e na súa representación subiu ao
escenario Miguel Barroso, socio responsable da zona noroeste de Deloitte. Por
parte de Edisa, a súa directora comercial Vanesa Fábregas recolleu este recoñecemento,
igual que Fernando Vázquez, CEO de Imatia; Nani Fernández, directora de
relacións institucionais de Orange, e Alfredo Ramos, director de R, fixérono en
nome das súas respectivas empresas. Luís Rey, director de operacións de INEO,
agradeceu en clausúraa en nome da organización a todas as entidades a súa
implicación ao longo de dúas décadas de traxectoria do foro.
GaliciaTIC abordou este ano en diferentes relatorios asuntos
tan variados e tan presentes na realidade do sector tecnolóxico como son a
ciberseguridade, a intelixencia artificial, as relacións dentro da chamada
tripla hélice da innovación (administración-empresa-formación académica), os
incentivos fiscais para o sector TIC, os retos de futuro #ante situacións
disruptivas que se están vivindo a nivel internacional ou as novidades respecto
ao Kit Dixital.
E como gran novidade deste ano, o mércores celebrouse a
Feira de Emprego TIC que puxo en contacto a trece empresas tecnolóxicas con
máis de 180 alumnos e alumnas TIC de FP. Os obxectivos desta iniciativa eran
atraer talento mozo, fomentar posibles ofertas de traballo e vincular o futuro
laboral das novas xeracións a un sector, o tecnolóxico, que supón xa o 3% do
PIB de Galicia e que crea cada ano un 4,5% máis de postos de traballo de alta
cualificación.