Garmin estrea unha completa pulseira de actividade: a vívosmart 3

mércores, 12 de abril do 2017 Marcus Fernández

Garmin anunciou unha nova pulseira de actividade, a vívosmart 3, que cun deseño ultra-delgado e unha pantalla que só se acende cando é preciso procura ser un accesorio bastante discreto que achega información interesante sobre a práctica deportiva. A Garmin vívosmart 3 monitoriza o ritmo cardíaco as 24 horas, rexistra os pasos andados, os andares subidos, as calorías queimadas e, grazas a que a súa autonomía pode chegar aos 5 días, tamén resulta bastante axeitada para a monitorización do sono. A súa construción resistente á auga tamén permite que poida levarse posta na piscina e na ducha.
Pese a estarmos ante un trebello que non ten un prezo excesivo, facilita a medición da capacidade aeróbica (VO2 máx), prestación que chega por primeira vez a un produto de Garmin. Tamén rexistra os exercicios que facemos e incluso integra un contador persoal de repeticións, resultando de grande utilidade durante os adestramentos.
Este accesorio tampouco é alleo ás notificacións móbiles, de xeito que permitirá ver correos electrónicos, mensaxes de texto e notificacións de reces sociais dende o noso pulso, dende onde tamén pode controlarse a reprodución da música que teñamos no smartphone.
A pulseira Garmin vívosmart 3 xa pode mercarse nos EE.UU. a un prezo de 139,99 dólares (131 euros) esperándose que estea á venda en Europa durante o segundo trimestre do ano.

JPEG - 99.3 KB
A vívosmart 3 é capaz de identificar boa parte das nosas actividades deportivas, permitíndono s logo comprobar os resultados de xeito detallado, para comprobar a nosa evolución.


Vídeo promocional da vívosmart 3 de Garmin

PUBLICIDADE