Google celebra o 30º aniversario da proposta da que naceu a web
martes, 12 de marzo do 2019
A moitos sorprendería hoxe o doodle de Google, que homenaxea o que supostamente sería o 30º
aniversario da Internet, aínda que realmente a celebración sería de algo moi
diferente, xa que o que naceu en marzo de 1989 foi unha proposta presentada no
CERN por Tim Berners-Lee que remataría dando lugar á World Wide Web, o que non
debería confundirse coa Internet (que poderiamos datar duns 20 anos máis atrás
se atendemos a que naceu da de ARPANET).
Pór datas fixas para celebrar aniversarios pouco concretos é complicado, e por iso
a celebración do aniversario da web tense producido en distintas datas, pero
agora semella que o 12 de marzo quedará como data estable para rememorar a proposta
da que naceu á web, aínda que para moitos continuará a ser máis relevante a posta
en funcionamento do primeiro servidor web por parte do propio Berners-Lee o 17
de maio de 1991 dende un equipo NeXTcube ou a presentación pública da World
Wide Web por parte do CERN o 30 de abril de 1993.
Queda así claro que celebrar un aniversario dunha tecnoloxía viva é moi
complexo, e dependerá moito do punto de vista do que partamos, de xeito que é
doado que non coincida a perspectiva dos creadores coa do público.