Gradiant comeza a perfilar o programa da súa xuntanza sobre eSaúde do día 24
martes, 7 de xaneiro do 2014
Como avanzamos
os días pasados, as olladas dos principais desenvolvedores de
recursos tecnolóxicos dirixidos aos ámbitos da medicina e a
asistencia, van estar dirixidas á nosa terra o vindeiro 24 de
xaneiro. O culpábel disto será o centro galego Gradiant,
que vai celebrar ese día unha Xornada de Transferencia Tecnolóxica
sobre eSaúde, na sede de CITEXVI a partir das 9.00 horas. O evento
contará con representantes da Comisión Europea, das distintas
administracións implicadas, das principais empresas do ámbito TIC
aplicado á saúde do Estado e dos principais centros hospitalarios
de Galicia e de España.
Amais disto, durante a
xuntanza, profesionais de Gradiant (centro de investigación
emprazado en Vigo e centrado en boa medida nas telecomunicacións e
na transferencia tecnolóxica) amosarán as capacidades dos seus
últimos proxectos de investigación, e tamén explicarán como e en
que medida as tecnoloxías da información poden contribuír ao eido
da saúde. Entre os profesionais de Gradiant presentes na xornada
estarán Helena Fernández, directora técnica da Área de eSaúde, e
Fernando Jiménez, director xerente do centro, que será o encargado
de abrir oficialmente a actividade. A continuación será a quenda de
Manuel Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación (GAIN),
que falará de O reto do envellecemento activo no marco da RIS3.
Máis tarde, intervirá Sonia Martínez Arca, directora xeral de
Innovación e Xestión de Saúde Pública da Xunta, xirando o seu
relatorio arredor de Os vindeiros retos da innovación sanitaria.
A seguinte relatora en intervir será Francisca García,
representante de eSaúde da Comisión Europea, baixo o seguinte
epígrafe: Oportunidades de financiamento europeo á investigación
e á innovación en saúde.
Amais destes
representantes das nosas administracións, un importante panel de
expertos provenientes da industria e do sector socio-sanitario
debaterán sobre o futuro da I+D+i no devandito ámbito, ademais de
sobre o papel dos centros de investigación para apoiar ás empresas
no logro dos seus obxectivos. Segundo informa Gradiant, participarán
expertos de empresas tan recoñecidas como IBM, Indra, Coremain,
Everis e Sivsa, entre outras compañías aínda por confirmar. Tamén
intervirán especialistas procedentes das fundacións IDIS, Novoa
Santos ou a Fundación Biomédica CHUVI.
A xornada propíciase en
parte pola ampla experiencia de Gradiant neste eido das novas
tecnoloxías aplicadas á medicina ou ao sanitario, e en parte tamén
polas importantes posibilidades de medre e busca de novos mercados
que se abren para as nosas empresas centradas en cuestións como a
teleasistencia ou o desenvolvemento de tecnoloxías e dispositivos
que contribúan a mellorar a nosa calidade de vida. De feito, segundo
nos lembran dende Gradiant, a Comisión Europea ten advertido en
repetidas ocasións que é precisa unha aposta pola eSaúde para
garantir unha asistencia sanitaria de calidade, hoxe e sobre todo de
face ao futuro. “Sen ela”, recordan os investigadores do centro
galego, “o futuro dos sistemas sanitarios públicos podería verse
comprometido, debido entre outros factores ao envellecemento da
poboación e ao aumento de pacientes crónicos”. De feito, estas
recomendacións están moi presentes no programa que marcará as
liñas de acción en I+D en Europa de aquí ao ano 2020.