Gradiant participa no evento internacional CARTES e estrea web sobre biometría
mércores, 18 de novembro do 2015
O centro
tecnolóxico Gradiant está a participar estes días como
expositor en CARTES Secure
Connexions 2015, evento mundial para o sector da seguridade
dixital adicado ás solucións seguras de pagos, identificación e
mobilidade. O encontro, informan fontes de Gradiant, desenvólvese en
Villepinte (Paris Nord) até este xoves 19 de novembro, e nel dánse
cita (unha vez máis) as compañías máis referenciais do mundo “en
materia de biometría, integradores de sistemas e provedores de
solucións de identificación e autenticación”. A participación
na xuntanza tecnolóxica do centro tecnolóxico galego insírese ao
abeiro da aposta pola internacionalización do seu cartafol
tecnolóxico, “en beneficio da industria galega”.
Ao fío do devandito,
Gradiant lembra que ten en carteira “solucións robustas de
recoñecemento facial con detección de vida, de recoñecemento de
sinatura manuscrita e tamén de recoñecemento de locutor, todas elas
operativas en dispositivos móbiles como smartphones e tabletas, e
facilmente integrábeis en solucións e produtos de terceiros”.
Co gallo da cita
parisina, o centro tecnolóxico vigués habilitou un microsite
que pode visitarse en biometricsbygradiant.com,
e do que se poden descargar as demostracións plenamente operativas
das súas solucións seguras e integrábeis de recoñecemento biométrico. O sitio web
estrea tamén unha evolución da linguaxe visual do centro, elaborada
en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que
Gradiant irá estendendo de maneira progresiva ás súas restantes
liñas de traballo.