Grande éxito das xornadas virtuais de portas abertas da UDC
mércores, 13 de abril do 2022
A Universidade da Coruña organizou os pasados días 30 e 31
de marzo as Xornadas de Portas Abertas Virtuais co obxectivo de dar a coñecer a
oferta formativa do próximo curso e achegar as facultades e escolas
universitarias ao futuro alumnado. Por terceiro ano consecutivo, desde a
Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade organizouse esta
xornada virtual que tivo 5.414 visitas á páxina web de Portas Abertas e 6.551
usuarios na páxina web de Futuros Estudantes.
Para estas Xornadas, a Vicerreitoría que dirixe María José
Lombardía promoveu a produción de vídeos protagonizados polo alumnado de cada
un dos centros da UDC, nos que libremente expresaron as súas opinións sobre o
título que estuda, o centro e a propia Universidade. Estes vídeos tiveron un
total de 14.753 visualizacións e foron o eixo dunha campaña de difusión das
Xornadas de Portas Abertas Virtuais en redes sociais que tivo un alcance de
50.658 usuarios. Os vídeos poden
verse na canle da UDC en YouTube.
Ademais, debido ao éxito de participación, a UDC mantén
activa a páxina
web coa información de interese para o futuro alumnado. Así mesmo, todas as
persoas interesadas en acceder á Universidade da Coruña teñen tamén unha web con información de
interese.
A Xornada Virtual de Portas Abertas da UDC incluía no seu
programa videoconferencias para coñecer as titulacións de grao, con chats en
directo. Ademais, o estudantado podía participar nos diversos retos e
obradoiros que algúns centros e servizos da UDC propuxeron para dinamizar a
xornada aprendendo competencias e curiosidades didácticas. Ademais, o delegado
da UDC na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), entidade organizadora
das probas de acceso ao sistema universitario galego (ABAU), Pedro Armas,
impartiu dúas charlas virtuais para explicar como será a ABAU deste ano, así
como para dar información sobre a preinscrición para o novo curso.
Selección de vídeos elaborados para as Xornadas de Portas Abertas Virtuais da UDC