Hoxe remata o prazo para inscribirnos nos cursos open source do CNTG sobre seguridade corporativa e en VoIP

luns, 9 de setembro do 2013 Redacción

Hoxe conclúe o prazo para inscribirnos en dúas actividades formativas do CNTG centradas en diferentes posibilidades do software libre: por unha banda o curso sobre configuración de servizos de seguridade corporativa con tecnoloxía aberta e, pola outra, o de seguridade en contornas de voz. O primeiro terá unha duración de 40 horas e impartirase do 30 de setembro ao 11 de outubro de luns a venres de 9:30 a 13:30 nas instalacións do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia. O obxectivo desta acción formativa consiste en que o alumno adquira os coñecementos e as habilidade técnicas precisas para implantar un servidor proxy, un corta lumes e un sistema de prevención de intrusos nunha rede corporativa, e todo con recursos open source. O curso, informa Mancomún, vai dirixido a técnicos/as e administradores/as de rede con coñecementos de administración de servidores Linux.
Seguridade en contornas VoIP terá tamén unha duración de 40 horas e impartirase de luns a venres de 9:30 a 13:30 dende o 23 de setembro ata o 4 de outubro. A finalidade é dar a coñecer as arquitecturas de VoIP baseadas tanto en software libre como privativo; aprender a avaliar polo miúdo a infraestrutura de comunicacións VoIP nunha contorna corporativa e coñecer como configurar de xeito seguro unha plataforma de VoIP, tanto CISCO como con Asterix. Encamíñase a persoal técnico da área de informática ou telecomunicacións con experiencia en VoIP. Máis polo miúdo administradores de rede ou de sistemas ou profesionais con formación regrada nas áreas de telecomunicacións e informática.