IBM e investigadores suízos levan Internet aos 100 xigabits por segundo
venres, 22 de febreiro do 2013
Que
Internet acade os 100 xigabits por segundo podería ser, segundo nos
conta IBM, unha realidade nos nosos fogares e nun futuro máis inmediato do que poderíamos pensar. De feito, a multinacional xa
acadou esta velocidade a través de recursos de seu e de
investigadores europeos. Detrás deste feito atópanse os
científicos de IBM Research e da Escola Politécnica Federal de
Lausana (EPFL), en Suíza, que veñen de presentar unha tecnoloxía
de conversión de sinais que mellora a velocidade de Internet até
chegar aos citados 100 xb/s, o dobre da tecnoloxía actual. O dito
avance tecnolóxico -presentado na Conferencia Internacional de
Circuítos en Estado Sólido (ISSCC), podería converterse en algo
real de cara ao ano 2014.
Cómpre dicir que o deseño
deste ADC (Conversor Analóxico-Dixital) xera 1.000 millóns de
conversións analóxico-dixitais por segundo e foi desenvolvido no
centro de investigación de IBM en Zúric (Suíza), en colaboración
con científicos do Laboratorio de Sistemas de Microelectrónica do
EPFL. Este novo ADC ten unha serie de vantaxes chave respecto doutros
deseños, trátase da velocidade, o consumo de enerxía e a área de
silicio empregada; segundo verbas do profesor Yusuf Leblebici,
director do Laboratorio de Sistemas de Microelectrónica. No entanto,
os científicos de IBM están a considerar as posibilidades do ADC
para converter os sinais analóxicos que se orixinaron no Big
Bang. O proxecto -denominado DOME- é froito da colaboración
entre o Instituto Holandés de Radioastronomía (ASTRON) e IBM para
desenvolver unha folla de ruta tecnolóxica para o radiotelescopio
SKA (Square Kilometre Array), un proxecto internacional que
pretende construír o radiotelescopio máis grande e sensible do
mundo. Deste xeito, os datos analóxicos do espazo -recollidos polo
SKA- producirían 10 veces o tráfico global de Internet, sendo o
prototipo ADC de IBM un candidato axeitado para converter logo estes
datos analóxicos en dixitais e cun baixo consumo de enerxía.