INEO celebra os días 14 e 15 de xaneiro un congreso sobre como construírmos as Smart Cities

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A asociación INEO comeza o ano dirixindo a vista cara a un futuro máis que probábel: o das cidades conectadas. Isto materialízase nun congreso a celebrar os días 14 e 15 de xaneiro en Vigo, centrado non tanto en saber se as nosas urbes chegarán ou non a ser intelixentes (todo apunta a que tirando o máximo partido das redes e solucións tecnolóxicas máis avanzadas, así será), como de que maneira. Mellor dito: de que xeito podemos axudar a que sexan o máis intelixentes, racionais, habitábeis, sostíbeis e comunicadas posíbel? A cita será no Restaurante Mar de Vigo do Pazo de Congresos e Exposicións da rúa Jacinto Benavente, e celébrase baixo o seguinte epígrafe: Os retos das Cidades Intelixentes.
A actividade de INEO, que se insire no eido do Proxecto IngelligenTIC (dirixido a impulsar o desenvolvemento e implantación en España do concepto de urbe mellor xestionada e comunicada: Smart City), achegará coñecemento sobre o que se está a facer no panorama europeo no ámbito das cidades intelixentes, que se resumen, con máis ou menos diferenzas, en emprazamentos urbanos con importantes melloras en materia de mobilidade e transporte, seguridade (física e lóxica), atención de tipo sanitario, accesibilidade, xestión dos recursos naturais e da enerxía (eficiencia enerxética), comunicacións en xeral, Administración Electrónica ou participación cidadá na vida pública, social e política da propia contorna.
O congreso comeza ás 9.30 do día 14 coa apertura e o almorzo de traballo Os retos nas Smart Cities.

PUBLICIDADE