INEO organiza unha xornada en Santiago sobre as TIC verdes e o seu amplo potencial para o emprendemento
xoves, 14 de novembro do 2013
A asociación INEO vai
desenvolver os días vindeiros unha interesante actividade para todos
aqueles dos nosos profesionais emprendedores que queiran afianzarse
nun camiño que promete un gran potencial: o que xera a
interactuación entre as novas tecnoloxías dixitais e as tecnoloxías
que achegan xestión, conservación e rendibilidade do medio
ambiente. Falamos da xornada Novas
Oportunidades de Negocios TIC Verdes, que organiza INEO en
colaboración con FEGAXE.
Segundo nos conta a
asociación empresarial galega, na xornada achegaránselles aos
asistentes as claves para detectar as novas oportunidades de negocio
que hai nas cidades intelixentes aplicando novas tecnoloxías e
informarase das ferramentas que teñen os profesionais á súa
disposición para seren emprendedores verdes:
plans de negocio viábeis, estratexias que sexan referentes a seguir,
formación e asesoramento axeitado...
Contarase para esta
actividade con dous relatores con amplos coñecemento na materia. Por
unha banda Jacobo García Durán, especialista na posta en marcha ou
relanzamento de proxectos ou empresas de nova creación, con
experiencia en Administración Pública, consultoría para entidades
sen arela de lucro ou dinamización de redes de investidores. Pola
outra, Miguel Caneda Barreiro, especialista en formación e
asesoramento de emprendedores, con experiencia en dirección de
proxectos así como na coordinación e na formación de recursos
humanos.
A asistencia á xornada é
de balde, informa INEO, que nos recorda que a actividade desenvólvese
o vindeiro luns 18 de novembro, ás 10.00 horas, na sede da
Confederación de Empresarios de Galicia (no número 54 da rúa do
Vilar, en Santiago).