INEO porá a súa experiencia ao servizo dun novo proxecto dirixido a afianzar as Cidades Intelixentes
xoves, 12 de setembro do 2013
A
asociación INEO vén de informar
da súa participación nunha iniciativa dirixida a fomentar e
afianzar as comunicacións do futuro: esas que van permitir o
desenvolvemento total da eAdministración, o fogar dixital, a
computación na nube ou o teletraballo. Máis polo miúdo, INEO será
parte activa no Proxecto Carisma, unha iniciativa de colaboración
entre diferentes agrupacións de empresas innovadoras (AEI) e
financiada polo Ministerio de Industria que persegue impulsar o
desenvolvemento das Cidades Intelixentes (Smart
Cities)
en España. O proxecto, que INEO cualifica de ambicioso e innovador,
tamén contará coa presenza de AEI de Seguridade, AEI do
Coñecemento, AEI de Mobilidade, ClusterCET, ATANA e GAIA. Todas
estas entidades traballarán para dar forma a propostas de
cooperación dirixidas a integrar e aplicar recursos propios das
Cidades Intelixentes, propostas e recursos que xurdirán,
precisamente, desa contorna de colaboración que representa Carisma:
un espazo para o contacto directo entre as empresas tecnolóxicas das
AEI que constitúen o consorcio e os concellos de menos de 150.000
habitantes.
De
feito, até unha ducia de administracións locais contarán co
asesoramento de Carisma para guialas cara ao modelo de cidade
conectada mediante a análise da súa situación de partida,
detectando necesidades e posíbeis solucións, amais de achegar
metodoloxías de boas prácticas.
Esta
iniciativa, segundo informa INEO, ten o seu precedente no Proxecto
IntelligenTIC, desenvolvido en 2012 e 2013 co mesmo fin, polo que
outro dos obxectivos do Carisma ser á continuar co traballo que se
veu facendo nos concellos xa asesorados no anterior programa. Nestes
casos desenvolveranse os plans de viabilidade técnica e económica
para a posta en práctica de cadansúa iniciativa nos concellos.
Segundo
nos explican dende a asociación empresarial galega, o concepto de
Smart
City
vincúlase sobre todo á mellora da eficiencia nas contornas urbanas:
trátase de acadar cidades mellor xestionadas, cunha óptima
mobilidade e maiores niveis de eficiencia enerxética e nas que os
avances tecnolóxicos sirvan para integrar a tódolos axentes que
interveñen na xestión diaria dunha cidade, “facéndoa máis
participativa”.
Ademais,
este tipo de modelos de xestión urbanos promoven a economía e a
innovación ofrecendo novas oportunidades de negocio, sendo panca
para a activación económica no eido local. “O despregamento de
cidades intelixentes”, engade INEO, “supón a coordinación dun
gran número de axentes e tecnoloxías, ao redor da implantación
dunha estratexia a medio e longo prazo para acadar eficiencia e
efectividade en resposta ás demandas dos cidadáns”.
O
Proxecto Carisma diríxese aos concellos de menos de 150.000
habitantes, concellos que pola súa proximidade ao tecido empresarial
local teñen máis facilidade para adoptar solucións desenvolvidas
polas empresas da súa contorna máis próxima.
Esta
iniciativa colaborativa terá un beneficio duplo, “xa que por unha
banda redundará nunha mellora directa para os municipios de menor
tamaño, axudándolles a mellorar a rendibilidade e sustentabilidade
na xestión dos seus recursos, e pola outra permitirá ás PEME
situar e ofrecer os seus produtos e servizos adaptados ás
necesidades específicas destes concellos”, engade INEO.