Industria abre en consulta pública as axudas á innovación no eido dos videoxogos
mércores, 9 de abril do 2014
Industria abre en
consulta pública as axudas á innovación no eido dos videoxogos
O Ministerio
de Industria vén de anunciar a apertura en consulta pública da
convocatoria de axudas á Investigación e Desenvolvemento no sector
do videoxogo. A consulta, achegada a través da Secretaría de Estado
de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (que recorda
que “é a primeira vez que se fai este tipo de proceso”), servirá
para definirmos as características da dita convocatoria. A través
dela, Industria require dos profesionais e empresas do sector as súas
opinións sobre o programa de incentivos, “co fin de facer máis
efectivo o uso dos recursos públicos”.
Na consulta en cuestión
especifícase a definición de proxecto que se prevé empregar nas
axudas, os conceptos susceptíbeis de axuda, os limiares mínimos dos
proxectos ou as modalidades de axuda e garantías que se esixirán
aos potenciais beneficiarios das devanditas axudas. Industria sinala
que se compromete a elaborar un informe con toda a información
xerada.
O proceso está aberto na
web de Industria, e os comentarios deberán remitirse antes do 16
de abril de 2014 á conta de correo secretariacontenidos@minetur.es.
Unha vez obtidas e analizadas as achegas da consulta pública, está
previsto que a convocatoria saia o vindeiro mes de maio e o primeiro
desembolso correspondente ao exercicio orzamentario poida realizarse
en o último trimestre de 2014.
Respecto do estado actual
do sector, dicir que de acordo con datos recolleitos no Estudo da
Economía Dixital: os contidos e os servizos dixitais, elaborado
por AMETIC e PwC, a industria dos videoxogos contribuíu en 2011 á
industria dos contidos dixitais en 890 millóns de euros, cifra que
sitúa ao sector dos videoxogos entre as principais industrias
nacionais de contidos dixitais. Na orixe destes contidos atópase o
seu desenvolvemento, actividade que en 2011 contribuíu con 112
millóns de euros á industria dos contidos dixitais.