Ineo presentou o seu Plan Operativo para 2011

xoves, 28 de abril do 2011 Redacción

Ineo, Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación, celebrou onte a súa Asemblea Xeral de Socios, na que presentou o seu Plan Operativo para o exercicio 2011 no que contempla a captación de fondos por un valor superior ao millóns de euros, a cantidade máis elevada dende a constitución da organización en 2006.
Tamén participou no encontro Isabel Aguilera, ex presidenta de General Electric e Google España, quen impartiu un relatorio sobre optimización, xestión e seguimento de empresas e equipos aproveitando as últimas tendencias TIC.

Isabel Aguilera, ex presidenta de General Electric e Google España, participou na Asemblea cun relatorio

O Plan Operativo presentado por Ineo confirma a traxectoria ascendente da asociación nos últimos anos, que mellorou tanto en dotación orzamentaria como en número de proxectos desenvolvidos. Así, Ineo participou na posta en marcha de 13 proxectos relacionados co sector TIC; entre eles, o proxecto europeo Muralla Dixital, que porá en valor o patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Do mesmo xeito, no último ano Ineo iniciou a execución dun proxecto nacional en colaboración con AMFAR e outro proxecto no ámbito da innovación, presentado á convocatoria de INCITE.
Jorge Cebreiros, presidente de Ineo, explicou durante a Asemblea Xeral que «o exercicio 2010 foi un ano no que sumamos proxectos, actividades, empresas asociadas e representatividade. Foi un ano positivo, a pesar de que atravesamos unha conxuntura económica complicada que nos obrigan a aplicarnos. Será necesario que as empresas TIC busquen financiamento en fondos europeos, que aposten con maior decisión pola innovación e a especialización e, sobre todo, será necesario perder definitivamente o medo a iniciar proxectos en colaboración con outras empresas TIC e en colaboración con outras organizacións» engadindo tamén que «queremos alcanzar a excelencia empresarial dentro do sector e para iso é moi importante transmitir a imaxe de confianza e fiabilidade que ofrecen as empresas asociadas a Ineo ante as administracións públicas, organismos intermedios, asociacións, empresas e clientes».
O Plan Operativo 2011 presentado na Asemblea recolle as liñas estratéxicas da asociación para este exercicio, seguindo as directrices do novo Plan Estratéxico 2011-2014. Representatividade, cooperación, competitividade e excelencia na xestión son os eixos estratéxicos que marcarán as actuacións de Ineo neste exercicio, co obxectivo de avanzar na súa misión de potenciar a competitividade e o crecemento dos asociados, fomentando a cooperación, a innovación e o acceso a novos mercados.
A internacionalización é unha liña de traballo que destacará especialmente en 2011. Co obxectivo de impulsar a proxección exterior das empresas TIC galegas, INEO colaborará na organización de misións comerciais a mercados de alto potencial tecnolóxico e continuará desenvolvendo accións de posicionamento nos principais foros de innovación nacionais e europeos, entre outras accións.

PUBLICIDADE